Skip to main content
Lugo

Lugo contará con dous puntos limpos móbiles

Por 19 Febreiro, 2022Sin comentarios

Dotar ao rural dos mesmos servizos, rachando coa brecha que mantén coas contornas urbanas e achegando á veciñanza os recursos necesarios para incentivar á reciclaxe e o coidado da contorna e do medio ambiente.

Con esa motivación, poranse en marcha dous Puntos Limpos Móbiles que complementarán ás instalacións fixas que o Concello de Lugo xa ten no Ceao e que permitirán ás 8.786 persoas que actualmente residen nas parroquias lucenses desfacerse axeitadamente de pequenos electrodomésticos, pilas, baterías, radiografías, lámpadas, fluorescentes, vernices, pinturas, disolventes, etc, sen necesidade de ter que trasladarse á capital.

Só tendo en conta que o municipio ten 300 km2 de superficie, a posibilidade de dispoñer de elementos coma estes implicará un incremento da eficiencia na recollida pero tamén un notable aforro de custos e de emisións de CO2 derivados dos desprazamentos que agora mesmo realiza a poboación para este fin.

O proxecto, que se porá en marcha coa entrada en vigor do novo contrato de limpeza viaria, próximo xa á súa adxudicación definitiva logo das últimas resolucións do TACGAL, consistirá na implantación dun novidoso sistema que visitará a totalidade das parroquias que conforman o municipio, cun calendario previamente establecido e informado, aínda que adicionalmente e, en caso de ser preciso, estes Puntos Limpos tamén poderán prestar servizo a diversos barrios da capital.

En prol de mellorar a nova prestación, o Concello adquirirá diferentes equipamentos, orzamentados en 49.610 euros, os que se agarda poder financiar coas achegas autonómicas habilitadas ao abeiro dos Fondos de Recuperación e Resiliencia da Unión Europea.

O modelo elixido, pola súa versatilidade e funcionalidade de acordo ás necesidades municipais, é un remolque multiservizos compatible con diferentes estruturas, o cal se trasladará polas diferentes localizacións empregando os vehículos dos que xa dispón o Concello, permitindo, deste xeito, o deposito de determinados tipos de residuos que posteriormente serán derivados aos xestores autorizados correspondentes, en base a un acordo establecido entre ambas entidades.

Son dous remolques multilift con equipo de gancho e dous módulos de punto limpo móbil.

O obxectivo é poder ofrecer un servizo inexistente até o momento, coa vocación de que teña continuidade no tempo, que permita mellorar a recollida selectiva, fomentar a separación en orixe diminuíndo a cantidade de impropios e evitando o vertido incontrolado de refugallos, minorando as repercusións medioambientais e posibilitando, alén, o aforro de materias primas para a súa recuperación e/ou reciclaxe.

Tendo en conta as características demográficas da zona rural e os hábitos de consumo, o Concello estima recoller de forma anual até 1.000 kg de pequenos electrodomésticos, 500 kg de pilas e baterías, 1.500 litros de aceites, 500 radiografías, 2.000 kg de téxtiles e calzado e 800 kg de xoguetes. Así como 1.000 unidades de lámpadas/ fluorescentes e 900 kg de pinturas, vernices e disolventes. A maiores de 7 toneladas de residuos voluminosos, 5 toneladas de poda e 4’5 T de entullo de orixe doméstico.

Antes de comezar a desprazar os Puntos Limpos polos diferentes núcleos, publicitarase este proxecto a través da páxina web municipal e das redes sociais da Institución para informar á poboación da súa posta en marcha e do seu funcionamento. E toda vez comece a operar, daranse a coñecer mediante bandos o calendario co itinerario e tempos de permanencia en cada parroquia para tratar de darlle a maior difusión posible e promover, así, a súa utilización.