Skip to main content
Lugo

Os alumnos de Nadela recibiron unha formación sobre ciberseguridade

Por 23 Febreiro, 2022Sin comentarios

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, aposta pola formación como medio máis eficaz para a prevención da ciberdelincuencia. Fixo esta reflexión durante a entrega de carnets a alumnos do CEIP Manuel Mallo Mallo, en Nadela, que asistiron a un curso de ciberseguridade impartido pola Policía Nacional e aos que animou a facer un uso seguro das redes sociais, protexendo sempre os seus datos e a súa intimidade e a denunciar calquera situación de abuso da que poidan ser vítimas. No acto tamén participaron o comisario xefe de Operacións, Luis Miguel Romera, e o delegado de Participación Cidadá da Policía Nacional, Rubén Darío Veiga.

Isabel Rodríguez reiterou o importante aumento que está a experimentar a ciberdelincuencia, polo que considerou de gran importancia a actividade que están a levar a cabo as forzas de seguridade do Estado en centros escolares da provincia para informar a mozos e mozas dos riscos que conleva o mal uso das redes sociais e da navegación por internet.

A subdelegada alertou de que o aumento na ciberdelincuencia é un fenómeno en alza desde o comezo da pandemia como se constata no Balance de Criminalidade de 2021 que acaba de facer público o Ministerio do Interior. No caso da provincia de Lugo, no último ano rexistráronse 1.953 estafas informáticas, o que supón un aumento do 43,9% respecto a 2020, cando se denunciaran 1.357.

Rodríguez destacou que as Forzas de Seguridade do Estado están a reforzar a loita contra este tipo de delitos coa incorporación de grupos de investigación especializados, pero considerou fundamental que os cidadáns estean alerta para evitar ser vítimas dos ciberdelincuentes.

Para a subdelegada, a mocidade é un colectivo especialmente sensible e, por iso, opina que é moi útil a formación que ofrecen aos escolares a Policía Nacional e a Garda Civil dentro da programación do Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e os seus contornos

A subdelegada participou hoxe na entrega de carnets de ciberexpert@s a 17 alumnos de 6º de Primaria do CEIP Manuel Mallo que asistiron a un destes cursos, que foi impartido pola Policía Nacional.

Neste curso escolar, a Policía Nacional xa leva impartidas en Lugo 131 charlas e ten previsto realizar outras 110 sobre temáticas como os riscos de internet, acoso escolar, violencia de xénero, drogas e outras adicións e delitos de odio. Estímase que participarán nelas un total de 7.000 alumnos, 260 profesores e 178 nais e pais.