Skip to main content
Lugo

O relevo no PP centra a reunión coa ministra sobre os eólicos

Por 24 Febreiro, 2022Sin comentarios

Responsables dos distintos partidos políticos e sindicatos participaron esta mañá na xornada A forza das mulleres rurais xunto á ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que se está a desenvolver no MIHL. Malia que o tema central eran os eólicos o relevo no PP de Galicia centrou as primeiras declaracións. A conselleira anunciou que a Xunta creará un estatuto da muller rural e do mar que porá en valor o seu papel e garatirá dereitos específicos.

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, advertiulle hoxe ao presidente da Xunta que “Galicia necesita un presidente a tempo completo”, polo que “tócalle escoller: ou Galicia ou PP”. González Formoso fixo estas declaracións logo dun encontro coa ministra para a Transición Ecolóxica e os sindicatos UGT, UU.AA., Fademur e a Asociación Vento Noso para tratar a situación do eólico en Galicia.

O líder dos socialistas galegos subliñou o seu “respecto” pola “reflexión persoal” do presidente da Xunta, que estes días estase a postular como sucesor de Pablo Casado no PP nacional. Sen embargo, puxo como esixencia que “un presidente da Xunta só debe ter un compromiso, que é co seu país, con Galicia”.

Así o dixo antes de saudar a disposición amosada onte por Feijóo a abrir un acordo cos socialistas galegos polas enerxías renovables, e sinaladamente a eólica. Aludiu á resposta do presidente da Xunta na sesión de control do Parlamento á proposta lanzada polo propio Valentín González Formoso no Congreso do PSdeG, o pasado 7 e 8 de decembro.

Puntualizou que “para facer avanzar ao país debe de propulsarse un acordo sobre a eólica” que permita aproveitar “o potencial estratéxico na enerxía renovable, e máis concretamente a eólica”, neste momento “máis que nunca tendo en conta o prezo da enerxía”.

OPORTUNIDADE

Apuntou á “oportunidade” dun sector que “permitirá reter talento en Galicia, que pode supoñer volver fabricar compoñentes en Galicia, e que pode baixar o prezo da enerxía a empresas e familias”. Valentín González Formoso sinalou que Galicia ten ademais a “oportunidade de irromper no mundo do futuro que se chama hidróxeno”.

Dixo ademais que no desenvolvemento deste sector “a especulación debe de estar totalmente prohibida, a participación pública debe de ser promovida e a tutorización debe de ser constante por parte das administracións”. Por iso reclamou un eólico “ que preserve os dereitos dos propietarios, preserve o medio ambiente e a vida no sector primario”.

González Formoso puntualizou que “os grandes asuntos estratéxicos do país deben de ser falados e deben de ser compartidos”, e engadiu que “nós non somos os do non, somos os do si”.

A conselleira anuncia a creación dun estatuto da muller rural e do mar

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, clausurou hoxe a xornada A forza das mulleres rurais onde incidiu no papel das mulleres galegas do rural como “axentes de cambio” e instou ás administracións, empresas e sociedade a “sumar forzas” e evitar as desigualdades que lles afectan. Neste foro, a conselleira anunciou que a Xunta está a traballar nun Estatuto da Muller Rural e do Mar que se incorporará proximamente á nova lei de igualdade de Galicia.

O Estatuto, no que a Xunta está a traballar “intensamente” para que vexa a luz canto antes, especificou Lorenzana, recoñecerá os dereitos destas mulleres con atención ás súas particularidades asociadas. “É positivo e comprensible o seu desenvolvemento”, reflectiu a conselleira, quen incidiu na súa intervención na necesidade de valorizar á muller rural e de consolidar o seu movemento asociativo.

“Aínda hoxe non somos plenamente conscientes da débeda que temos coas mulleres rurais, axentes indispensables na supervivencia (nas épocas máis complexas) e o avance socioeconómico do noso territorio”, amosou Lorenzana, quen recalcou que “as mulleres rurais foron, son e serán auténticas axentes de cambio” e “son protagonistas por dereito, pero tamén polo incalculable mérito das súas achegas, no desenvolvemento socioeconómico do territorio”.

Lorenzana animou ao tecido asociativo, ás administracións e á poboación a sumarse á forza das mulleres rurais para “mellorar aspectos que a día de hoxe aínda seguen influíndo negativamente nas mulleres, implicando discriminación e desigualdade por razón de xénero”. Remarcou algúns aspectos nos que incidir: eliminar a brecha de xénero, promover a corresponsabilidade e a conciliación, garantir a igualdade de oportunidades e de retribución, incentivar o liderado e a promoción profesional das mulleres, potenciar o emprendemento feminino, facer máis accesibles as novas tecnoloxías ou fortalecer o movemento asociativo de mulleres rurais.

Algúns indicadores evidencian que as mulleres rurais son impulsoras de avances económicos e sociais. Tal como enumerou a conselleira, Galicia conta cun sector primario que mellora a súa competitividade e as súas condicións de traballo. Á vez estanse a xerar sinerxías con outros sectores en auxe, como o sector servizos, que xa representa máis do 40% do PIB no ámbito rural.

Xornadas como a de hoxe, afirmou a titular de Emprego e Igualdade, “serven para visibilizar a resistencia e o vigor que as nosas aboas e nais, as nosas devanceiras, demostraron durante toda a vida para forxar un pasado, un presente e un futuro que hoxe desfrutamos e que debemos agradecer”.

José Tomé: “Non existe unha Galicia baleira. Existe unha Galicia chea de talento e de proxectos. O que necesita son políticas públicas para o rural e con perspectiva de xénero”

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca destacou na súa intervención que “non existe unha Galicia baleira. É un termo que creo que debemos desterrar. Existe unha Galicia chea de talento, de ilusión, de iniciativas e de proxectos. Unha Galicia rural moi rica que, o que necesita, son políticas públicas axeitadas para desenvolver todo o seu potencial empresarial, económico, turístico ou cultural. Necesitamos políticas públicas para o rural feitas dende o rural, non dende as moquetas dos despachos, e con perspectiva de xénero”.

“É fundamental garantir a presenza no rural duns servizos públicos de calidade, que teñan as mesmas condicións e prestacións que na cidade. Sen sanidade pública, sen garderías, sen escolas ou sen residencias para persoas maiores, o rural non ten capacidade para fixar poboación”, afirmou o Presidente. “Os servizos públicos son fundamentais para desenvolver políticas eficaces de resposta ao reto demográfico, e tamén políticas transversais de igualdade, porque, cando se recortan servizos públicos, que sae perdendo son as mulleres”.

Neste sentido, o presidente puxo en valor as accións políticas que está levando a cabo dende a Deputación, como “o Plan de Igualdade que estamos ultimando, o primeiro da institución nos seus 200 anos de historia” ou a “rede de residencias públicas, que ofrece atención pública e de calidade no rural, de maneira que os maiores completen o seu ciclo vital no entorno no que desenvolveron a súa existencia, e na que apostamos ademais polo emprego feminino, xa que o 95% dos postos de traballos ocúpanos mulleres”. “Un emprego de calidade, digno e estable”, destacou José Tomé.

Polo tanto, asegurou o mandatario provincial, “darlle vida ao rural é posible, non é unha utopía, se sabemos empregar con intelixencia os nosos recursos”. Desta forma, engadiu, “os fondos europeos conseguidos polo Goberno de España para a recuperación e a transformación deste país son unha oportunidade histórica”. “E lamento profundamente que o Presidente da Xunta de Galicia estea sementando dúbidas sobre o reparto destes fondos, cando o seu propio Goberno deixou sen executar o 51% dos fondos que recibiu de Europa no período 2014-2020. É dicir, que non executou 1.400M€. Isto demostra que a imaxe de bo xestor de Feijóo é un mito. A realidade é outra, e Galicia padécea”.

“As deputacións e os concellos deben participar nos fondos de reconstrución”

Por iso, o Presidente reclamou, como xa fixo noutras ocasións, “a necesidade de garantir a participación das deputacións e os concellos nos fondos de reconstrución” porque “a saída da crise debe facerse con perspectiva de xénero, atendendo ao modo no que o impacto socioeconómico é maior sobre as mulleres, e tamén garantindo que os fondos europeos cheguen ás deputacións e, a través destas entidades, aos concellos pequenos. Só así serán realmente eficaces e útiles para a cidadanía”.

Recoñecemento as mulleres de hoxe e ás precursoras

José Tomé gabou o lema das xornadas, A Forza das Mulleres Rurais, porque “a forza é, xustamente, o que define o papel das mulleres no rural, entendida como empuxe, emprendemento, talento e ilusión”. Así, ademais de recoñecer a realidade actual do traballo da muller no rural, representado nas mesas celebradas no marco do encontro con casos de éxito de mulleres que modernizan o sector primario, quixo “lembrar e render unha homenaxe ás precursoras, a esas mulleres anónimas, nais, avoas… mulleres que ao longo da historia traballaron polo rural e dende o rural nun momento no que a sociedade lles negaba oportunidades e visibilidade”.

“Galicia ten unha enorme débeda de gratitude con todas esas mulleres, e a mellor maneira de saldala é apoiando a pervivencia do rural e seguir traballando pola igualdade de dereitos, polo feminismo e polo empoderamento das mulleres, e por poñer en valor as súas ideas e proxectos, que enriquecen o rural, e que crean emprego e riqueza”.

Lara Méndez defende á forza das mulleres rurais como motor do emprendemento e de loita contra o abandono da Galicia interior

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, destacou que “dende o executivo municipal apoiamos firmemente o desenvolvemento de encontros que, como o de hoxe, axudan a poñer o foco sobre o papel das mulleres como motor do emprendemento e da loita contra o abandono do rural”. Puxo en valor que nestes foros participen mulleres que son todo un exemplo de superación, así como destacadas personalidades do mundo do cine, a poesía e da política, “porque apórtanos distintas visións que buscan, entre todas, empoderar e mellorar a vidas das mulleres, onde a desigualdade é máis acusada incluso no ámbito rural”.

Engadiu, así mesmo, que “é fundamental que as administracións esteamos ao carón destas mulleres porque son fundamentais para abordar as transformacións que veñen operando no mundo laboral, relativo ao ámbito rural, de cara a mellorar as condicións de vida das persoas que viven no e do campo e as súas familias”, engadiu.

A xornada foi inaugurada pola Vicepresidenta Terceira e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera,  que estivo acompañada da presidenta de Fademur; Teresa López; o presidente da Deputación, José Tomé Roca; e o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García.

Durante a mesma, desenvolvéronse dúas mesas redondas, a primeira sobre Experiencias Emprendedoras, na que cinco mulleres da provincia de Lugo expuxeron as súas vivencias e puntos de vista sobre o emprendemento no rural; e, a continuación, tivo lugar a segunda, baixo o título Alianzas para cambiar o relato. Realidade e imaxe, na que interviñeron diferentes actores sociais, como os directores de cine Dani de la Torre e Óliver Laxe; Olga Novo, premio nacional de poesía; Laura Vallejo, influencer e imaxe de Husqvarna; Francesc Boya, Secretario Xeral para o Reto Demográfico; e María José Gálvez, Directora Xeral do Libro e Fomento da Lectura.