Skip to main content
Lugo

‘Garantía de vida’ estrearase no Vello Cárcere o 4 de marzo

Por 25 Febreiro, 2022Sin comentarios

Lugo estreará o documental galego ‘Garantía de Vida’, que denuncia as consecuencias da ilegalización do aborto en República Dominicana.

A peza, producida polas ONG’s Agareso e ACPP, con profesionais lucenses nos seus equipos xunto coa entidade dominicana IDAC, proxectarase o venres, 4 de marzo, ás 20.30 horas, no auditorio do Vello Cárcere, precedida pola inauguración ás 20.00 horas dunha exposición fotográfica. A duración é de 43.30 minutos e a entrada é libre ata completar aforo. Posteriormente haberá un coloquio.

O filme, que xa se reproduciu en Vigo e en Santiago, denuncia as secuelas que ten sobre a vida das mulleres a prohibición total do aborto vixente na República Dominicana, un dos seis países no mundo no que o aborto é ilegal en todas as circunstancias. É, tamén, o país de América Latina con máis matrimonios infantís e adolescentes e documenta, cada ano, unhas 25.000 complicacións hospitalarias relacionadas directamente co aborto clandestino.

3 SUPOSTOS

Por mor desta situación, o movemento feminista dominicano demanda que, polo menos, se despenalice o aborto en tres supostos: cando o feto é inviable para a vida, cando corre perigo de morte a nai e cando o embarazo é froito dunha violación.

O documental nace da premisa de que a loita feminista é unha loita global e busca unir esforzos dende Galicia co movemento feminista dominicano para crear conciencia ao redor da necesidade de defender os dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres e incidir para que se modifique a lei que penaliza o aborto en todos os seus supostos na República Dominicana.

Nel, familias das vítimas e as propias vítimas contan as súas testemuñas e piden que se garanta a vida das mulleres por riba de calquera outra cousa. Rosa, Onelis, Jenifer, Arelis e Katiusca decidiron plantarse diante da cámara con toda a súa rabia e a súa dor, non por elas, senón polas que están por vir, para que ninguén máis teña que pasar por iso.

‘Garantía de vida’ é un documental cun obxectivo social que pon en valor a loita do movemento feminista dominicano, un movemento integral e integrador que desembocou na mobilización feminista máis importante da historia dominicana o 23 de maio do 2021.

A película complétase cunha mostra, que contén 12 imaxes e mensaxes que as protagonistas do documental queren facer chegar a través da súa testemuña.