Skip to main content
Lugo

Lugo Monumental mostra a súa preocupación polo futuro dos autobuses e a Intermodal

Por 25 Febreiro, 2022Sin comentarios

Na tarde de onte tivo lugar unha reunión entre a Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, o Director Xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, e o Delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias con representantes de Lugo Monumental (o seu presidente, Luís Latorre e as directivas Andrea Martínez e Antonia Iglesias). O tema era o futuro dos autobuses interurbanos na cidade de Lugo e a preocupación da Asociación polo traslado da estación á futura Intermodal.

Foi unha reunión moi positiva cun ambiente moi construtivo e cremos que se trataron temas importantes e que se chegou a puntos de encontro favorables para todos.

Desde a Asociación expuxéronse os argumentos que levan anos defendendo, como o de magnífica localización da actual estación para os seus usuarios, a súa inmellorable accesibilidade, o feito de que segundo os seus usuarios acoden maioritariamente andando a ela…

Por parte da administración autonómica, a Conselleira trasladou á Asociación que nunca estivo nos plans da Xunta retirar o servizo de autobuses interurbanos da súa localización, senón simplemente trasladar as dársenas onde se estacionan os buses á contorna da estación de tren pero mantendo a parada actual.

O SERVIZO SEGUIRÁ NO CENTRO HISTÓRICO
A formulación trasladada pola administración baséase en que non ven sentido a manter no centro un aparcamento para autobuses e unha estación que consideran sobredimensionada e infrautilizada, e que en aras a mellorar a intermodalidad ven máis conveniente a súa localización xunto á estación do tren, pero mantendo a actual parada fronte á Muralla de Lugo.

Para Lugo Monumental foi unha gran noticia coñecer esa información, e aínda que entenden que hai que realizar cambios (algo que sempre defendemos) tamén cren que “o deficiente mantemento e xestión dos espazos da actual estación é o que fixo que se chegue a esta situación”.

A Asociación aproveitou o encontro para trasladar á Conselleira a importancia que ten manter algunhas dársenas na actual estación para ese tráfico de viaxeiros, e mesmo para autobuses turísticos, unha carencia que pola contra sufriría a cidade xa que non hai outro punto para estacionar unhas horas os buses dos visitantes.

PUNTOS DE ENCONTRO
Tanto os representantes autonómicos como os da Asociación chegaron a varios puntos de encontro entre os que cabe destacar a vinculación da intermodal á chegada de trens competitivos a Lugo, algo que actualmente non sucede. Ha de haber previsión, pero sen liñas que doten a Lugo de servizos ferroviarios non ten sentido unha Intermodal, o punto de referencia da actual localización da estación de autobuses non se pode perder, xa que é moi cómodo para a maioría dos usuarios e para favorecer o turismo é un luxo que a chegada estea fronte á mismísima Muralla Romana de Lugo, Patrimonio da Humanidade.

Coinciden en que a estación de autobuses está sobredimensionada para o seu uso actual, co que sería razoable buscar outras aplicacións para o edificio e combinalas con ser un punto de recepción de viaxeiros acorde ás necesidades reais.

CONSERVACIÓN DO EDIFICIO
Un dos posicionamentos de Lugo Monumental foi que non é razoable, desde o punto de vista ecolóxico nin económico, que a vida útil dun edificio sexa de cinco décadas. A estación de autobuses foi inaugurada a principios dos anos 70 e cun mantemento adecuado pódese conservar para diferentes usos combinados coas necesidades dun nodo de transporte que non require o seu uso completo.

CONCLUSIÓN
Os representantes da Asociación saíron da reunión cunha moi boa sensación, xa que se se mantén o nodo actual como punto de transportes interurbanos considerando que se cumpre o seu principal obxectivo, que é non privar aos lucenses e quen nos visita dunha localización privilexiada que permite acceder ao recinto histórico e a maior parte da cidade sen requirir outros medios de transporte adicionais, o que si ocorre na estación de tren pola orografía da contorna e as grandes costas que o separan da maior parte do centro urbano de Lugo, que obrigan aos viaxeiros para utilizar maioritariamente coches particulares.