Skip to main content
Monterroso

O PSOE de Monterroso solicita un pleno extraordinario tralo despido dun traballador do servizo de lixo

Por 3 Febreiro, 2022Sin comentarios

O Voceiro do PSOE en Monterroso, Rafael García avanzou que o grupo socialista solicitará un pleno extraordinario para que “a alcaldesa de Monterroso dea as explicacións pertinentes diante da cidadanía, tralo despedimento irregular dun operario do servizo de recollida de lixo na nosa vila”.

O Socialista sinalou que, coñeceron a través dos medios de comunicación, que a empresa LIMPERGAL concesionaria do servizo de recollida de lixo do Concello de Monterroso, tiña que readmitir a un traballador e aboarlle os salarios pendentes dende o 17 de xuño de 2021, polas irregularidades detectadas no seu despedimento.

Así as cousas, e tras celebrarse o xuízo por este despedimento, constatouse que houbo unha situación de vulnerabilidade dos dereitos sindicais e políticos deste traballador. “Dende o Grupo Socialista denunciamos que este despedimento debeuse única e exclusivamente a conflitos políticos, que en nada afectaron ao correcto funcionamento do servizo de recollida de lixo na nosa vila. A alcaldesa esta máis ocupada e preocupada en realizar informes para despedir traballadores que non lle son afíns politicamente que na creación de emprego ou en solventar os problemas da veciñanza”, insistiu.

García afirma que “parécenos rechamante que a alcaldesa de Monterroso acuda a unha cita xudicial e compareza, e non saiba cales eran as funcións deste traballador, algo que lle pareceu sorprendente incluso á propia xuíza. Cando hai que lembrar tal e como se constatou neste proceso xudicial a propia alcaldesa elaborou un documento criticando a labor deste traballador”, sinalou.

“As veciñas e veciños de Monterroso non merecen uns representantes que lles mintan, e moito menos que o faga en sede xudicial. Por todo isto queremos que se aclare toda esta lamentable situación”.