Skip to main content
Palas de Rei

O pavillón polideportivo municipal de Palas de Rei loce renovado

Por 24 Febreiro, 2022Sin comentarios

O pavillón polideportivo municipal de Palas de Rei loce renovado despois da restauración levada a cabo grazas ao convenio de colaboración asinado entre as dúas administracións, Xunta e Concello, que contou cun importe total de 121.000 euros. A Xunta de Galicia achegou o 83% da contía total (100.000 euros), mentres que o concello lucense o restante 17% (21.000 euros).

A obra levada a cabo constou da renovación parcial da cubrición, instalación de pavimento deportivo, porta principal de acceso e accesorios deportivos e incide na mellora das condicións de equipamento e funcionais do polideportivo que abundarán nun mellor servizo aos cidadáns. Ademais, o Camiño de Santiago ao seu paso por ‘Chacotes’, lugar onde se empraza o polideportivo, é unha zona moi transitada por os peregrinos. Tanto é así que o pavillón é utilizado para acoller os peregrinos, ademais de ser un aceso a outras infraestruturas importantes como é o Centro de Saúde.

Lete Lasa salientou a necesidade desta intervención que repercutirá na imaxe e na funcionalidade do municipio que recibe cada ano a milleiros de peregrinos cara Santiago de Compostela. “Está claro que o deporte é saúde, pero tamén é cultura e parte fundamental da nosa sociedade”, dixo.

Ademais o pavillón de Palas de Rei contribúe á mellora da calidade de vida e, dunha maneira indirecta, axuda ao asentamento da poboación. Nese espazo practícanse multitude de xogos infantís e deportivos, destacando fútbol sala, e baloncesto, entre outros, sendo elevado o número de cidadáns que fan uso desta instalación, podendo ser maior o número de usuarios o finalizar as obras.

O mandatario galego destacou a importancia dun concello como Palas de Rei que conta con ata sete clubs inscritos no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia das modalidades de fútbol, fútbol sala, caza, atletismo, pesca e casting e deportes aéreos. Así tamén lembrou algunhas das axudas máis importantes da Secretaría Xeral para o Deporte no ano 2021 como a acadada polo Palas Club Deportivo para a reactivación tras a Covid ou o patrocinio do piloto Luis Vilariño para a súa participación no Campionato de Europa de Ralis.