Skip to main content
Portomarín

Maior seguridade viaria na estrada LU-633 ao seu paso por Gonzar en Portomarín

Por 6 Febreiro, 2022Sin comentarios

Estanse a realizar traballos de reforzo da seguridade viaria na estrada LU-633 ao seu paso por Gonzar, no concello de Portomarín, no treito coincidente co Camiño Francés, co fin de favorecer o tránsito seguro dos peregrinos.

Os traballos que está a levar a cabo a Xunta consisten na instalación dunha varanda que separa a senda existente da vía autonómica, no punto quilométrico 70+790. Co obxectivo de reforzar a seguridade no cruce do Camiño Francés coa estrada LU-633, mediante a colocación dunha varanda peonil.

Tamén se mellorará o firme neste treito, pintaranse bandas transversais de alerta nos dous sentidos de circulación e disporanse balizas nas beiravías, preto do cruce e no centro da vía para minorar a velocidade dos vehículos.

Estas obras súmanse ás intervencións que se están a desenvolver desde o pasado mes de xullo nas vías autonómicas coincidentes coas distintas rutas do Camiño de Santiago, co obxectivo último de protexer os peregrinos, que son usuarios vulnerables das estradas.

Intervencións en 16 municipios
Na provincia de Lugo inclúense actuacións en 16 municipios dos Camiños Francés, de Inverno, Norte e Primitivo. En concreto, no Francés execútanse traballos na propia LU-633, LU-637 e LU-613 ao seu paso por Pedrafita, Triacastela, Samos, Sarria e Portomarín, onde se realizarán en total 13 actuacións.

No Camiño Primitivo fixáronse 14 actuacións para incrementar a seguridade na confluencia coas estradas LU-701, LU-740, LU-530, LU-232 e LU-231 na Fonsagrada, Baleira, Castroverde, Lugo e Palas de Rei.

No Camiño de Inverno programáronse actuacións nun total de seis puntos da LU-933, LU-652 e LU-213 en Quiroga, A Pobra do Brollón e Chantada. Tamén se recollen melloras na traza do Camiño Norte que coincide coas estradas LU-133 e LU-132 ao seu paso polos concellos de Ribadeo, Trabada e Lourenzá.

O Goberno galego, mediante estas actuacións, traballa para favorecer a mobilidade, a comodidade e a experiencia dos peregrinos para atender a maior afluencia que se espera no ano 2022, cando o Xacobeo se prevé máis intenso.