Skip to main content
Portomarín

Portomarín súmase aos Concellos Emprendedores de Galicia

Por 22 Febreiro, 2022Sin comentarios

Un total de 23 municipios da provincia de Lugo xa son Concellos Emprendedores tras a adhesión de Portomarín. Con esta distinción súmase ao obxectivo da Xunta de poñer facilidades ao investimento empresarial para impulsar a reactivación económica e, polo tanto, ofrecer máis axilidade na tramitación administrativa, no acceso ao solo industrial e maiores incentivos fiscais.

Galicia conta actualmente con 151 Concellos Emprendedores: aos 23 de Lugo engádense 39 na Coruña, 66 en Ourense e 23 en Pontevedra. Todos eles recollen o espírito da nova Lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica aprobada o ano pasado no Parlamento galego e contribúen, así, a implantar unha nova cultura administrativa en Galicia para eliminar trabas burocráticas, intensificar a simplificación dos trámites e apoiar a implantación de novos proxectos empresariais. O principal obxectivo desta iniciativa é trasladar confianza e seguridade xurídica ao tecido económico e, nese sentido, cómpre sinalar que, como novidade, a nova lei fixa un prazo de tres meses para a emisión de informes por parte da Xunta e amplía os supostos de iniciativas empresariais prioritarias.

Para ser Concello Emprendedor, as administracións locais, unha vez aproban nos seus respectivos plenos a modificación das ordenanzas correspondentes, teñen que adherirse ao convenio asinado entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para colaborar na captación de investimentos para Galicia.

O Goberno galego está a dar prioridade aos concellos adheridos a esta iniciativa en diversas liñas de axudas destinadas a impulsar o emprendemento e a dinamización económica. Para iso, establece nestas axudas, que están a ser convocadas en réxime de concorrencia competitiva, un criterio específico.

Os Concellos Emprendedores, pola súa banda, comprométense a ofrecer ás empresas que mostren interese por instalarse nas súas localidades máis incentivos fiscais, maiores facilidades para acceder ao solo empresarial e unha simplificación na tramitación administrativa. Os maiores incentivos fiscais por parte dos concellos para favorecer a chegada de novas empresas suporán unha bonificación de ata o 95% no IBI, IAE e ICIO para aqueles proxectos que impliquen nova implantación ou ampliación de empresas xa existentes. Deste xeito, a colaboración entre as administracións públicas permite avanzar cara a unha Galicia máis competitiva.