Skip to main content
Comarca RIBEIRASACRAXA

O Sur de Lugo recibiu máis de 2 millóns de euros para impulsar o Camiño de Inverno

Por 26 Febreiro, 2022Sin comentarios

O Sur de Lugo recibiu máis de 2 millóns de euros da Xunta para impulsar o Camiño de Inverno aproveitando que este Xacobeo bianual é o primeiro que se celebra dende que se declarara ruta oficial de peregrinación no 2016, materializando investimentos por máis de 2.073.000 euros.

Desta forma foi posible mellorar un tramo do Camiño á altura do barrio de Rioseco, en Monforte de Lemos, no marco do plan de acondicionamento de treitos que necesitaban unha rehabilitación e de sinalización integral da ruta, que supuxo un orzamento de 925.000 euros na provincia.

En concreto, deste montante total 236.500 euros corresponden ao municipio de Monforte, 223.400 euros ao de Quiroga, 213.800 euros á Pobra de Brollón, 128.830 a Chantada, 74.600 a Pantón, 42.880 ao Saviñao e 5.000 a Ribas de Sil.

Está previsto que este ano entre en funcionamento o primeiro albergue público de peregrinos desta zona, na antiga residencia bispal de Diomondi no Saviñao, logo de investir máis de 1 millón de euros na rehabilitación integral deste edificio medieval declarado Ben de Interese Cultural (BIC).

Tamén se realizaron intervencións para mellorar a seguridade viaria para os peregrinos en catro puntos da estrada autonómica LU-933 en Quiroga, na LU-213 nun cruce en Chantada e na LU-652 na Pobra de Brollón. O importe das seis actuacións ascendeu a preto de 70.000 euros.

Catro destes proxectos foron promovidos por particulares, dous en Chantada, un en Pantón e outro en Quiroga. Os outros tres partiron de concellos. Así, grazas a estes apoios, o concello da Pobra de Brollón realizou traballos de conservación da Ponte de Barxa e a mellora e pavimentación dun tramo; no Saviñao adecuaron a contorna da escola de Montecelo-Diomondi, e en Monforte de Lemos acondicionaron a contorna do centro social de Reigada.