Skip to main content
Chantada

Por Chantada pon a disposición dos veciños modelos de alegacións para o Catastro

Por 16 Febreiro, 2022Sin comentarios

Por Chantada pon a disposición dos veciños do Concello modelos de alegacións co fin de facilitar aos cidadáns o arranxo das deficiencias e os abusos detectados froito das cartas que os mesmos recibiron do Catastro.

A formación municipal inclúe tres tipos de documentos que se poden modificar e adaptar as necesidades e solicitudes específicas dos veciños. O primeiro é un caso feito para unha adega, pensando no sector primario que se dedica ao viño, que pasou de uso residencial a agrario, co que lle baixou o valor catastral. O segundo documento é para un establo que xa se destinaba unicamente ao autoconsumo, por exemplo persoas xubiladas, e non xa á produción de leite e ao que tamén lle baixou o valor. Por último, vai un recurso de reposición xenérico con alegacións para calquera outro tipo de edificación. Este último conseguiu no anterior catastrazo unha redución de 50% do valor catastral e, unha redución significativa da cota a pagar de IBI (“contribución”) ao Concello de Chantada.

Dende Por Chantada recomendan que coa solicitude se anexen fotos do interior e do exterior onde se poida comprobar que efectivamente o uso é o que se indica.

Esta medida foi tomada pola agrupación despois de que o Catastro enviara 4.600 cartas aos veciños. “Exiximos sentido común ás administracións para que se deteña a aplicación disparatada dunha fiscalidade absurda para o rural e contraria ao dereito consuetudinario galego. Lembremos que só o anterior Catastrazo, na secuencia da crise de 2008, elevou en máis de 600.000€ a recadación anual do IBI urbano, tal e como xa advertimos no seu momento. Agora vólvese a un proceso análogo no cadro da crise da COVID-19 e nun medio rural castigado polos prezos do leite que non atinxen os custes de produción, a saraibada en San Fiz ou o efecto da inflación (6% actual) na maioría das cativas pensións do noso campo”.