Skip to main content
MonforteO Saviñao

A estrada LU-P-3202 que vai de Monforte a Currelos contará cun novo investimento de 230.000 euros

Por 5 Febreiro, 2022Sin comentarios

A Xunta de Goberno aprobou este venres a adxudicación, por máis de 230.000€, das obras de mellora dun novo tramo da LU-P-3202, a estrada provincial que vai de Monforte a Currelos, no concello do Saviñao. Polo tanto, “trátase dun investimento que beneficia a estes dous concellos e ao conxunto da zona sur da provincia”. O proxecto adxudicado inclúe a rehabilitación do firme do treito que vai do quilómetro 3,7 ao 7,7, e tamén a renovación das sinais indicativas dos puntos quilométricos da estrada, dende o seu inicio ata o quilómetro 24,436.

Pilar García Porto lembrou que a Deputación ten en fase de licitación, por un importe de 250.000€, a mellora dos tres primeiros quilómetros desta vía e que neste mandato xa se acometeron obras de mellora noutro tramo, entre o 6,9 ao 10,4, cun investimento de 133.100€. “Entre as obras xa acometidas, as que están en licitación e as adxudicadas no día de hoxe, a Deputación leva destinado a esta estrada tan importante para a zona sur da provincia un total de máis de 600.000€”, subliñou a Deputada.

As obras na estrada de Monforte a Currelos terán unha importante repercusión na mellora da seguridade viaria e na comodidade dos condutores ao tratarse dunha ruta moi utilizada polos veciños e veciñas destes dous concellos da zona sur.

A mobilidade é un dereito máis da cidadanía, e manter en bo estado as comunicacións por estrada é imprescindible para garantir a igualdade de oportunidades e o equilibrio territorial, e, polo tanto, para fixar poboación no rural.