Skip to main content
Cultura SARRIAXASamos

Entrevista Julio Gallego: “As obras importantes son as que permiten dar un servizo aos veciños”

Por 13 Febreiro, 2022Febreiro 13th, 2023Sin comentarios

Samos é unha vila da comarca de Sarria que conta con 24 parroquias. Está situado aproximadamente a 11 quilómetros de Sarria e a 45 quilómetros de Lugo. Esta vila é un paso obrigado para os peregrinos que camiñan a Santiago de Compostela. Moitos deles dormen no hospedaxe ofrecido polos monxes beneditinos,na Real Abadía Beneditina de San Xulián de Samos, un dos centros relixiosos máis importantes de Galicia.

Falamos con Julio Gallego Moure, alcalde de Samos.

Como se iniciou no mundo da política?
Ven de herdanza xa que meu pai xa foi alcalde. Para meterse en política é fundamental que che guste. Ao ser meu pai alcalde sempre coñeces un pouco máis o campo, introdúceste e acabas meténdote.

Tivo algo que ver que o seu pai xa fora alcalde de Samos?
Home si, sempre inflúe porque ves como se implica e funciona e vaiche gustando. Si che gusta valo levando malia que non é como aparenta. Pero iso pasa en tódalas profesións.

Cantos anos leva no poder? A que cree que se debe o éxito de ser reelixido candidatura tras candidatura?
Levo 14 anos e medio. O éxito débese a que teño unha boa lista con boa xente e a que se fai un bo traballo día a día atendendo á xente.

O principal é o traballo do día a día, recibindo a xente, falando con ela e atendendo as súas peticións co fin de facer as melloras posibles no concello. Tendo as mellores comunicacións dentro das posibilidades que teñen os concellos pequenos, tendo en conta que os concellos pequenos do rural estamos esquecidos por tódalas administracións. Os servizos que temos os concellos pequenos son mínimos, os orzamentos son limitados que case non tes para o día a día.

Cal foi o maior logro que se obtivo en Samos dende que chegou ao goberno?
Bueno as obras importantes son as obras pequenas que permiten prestar un servizo aos veciños, isto é o máis importante.

Fixéronse obras importantes como o cuartel da Guardia Civil, antes había un vello e fíxose un novo. Tamén se construíu o complexo das piscinas municipais que contan con pistas deportivas para realizar diferentes deportes coma fútbol, baloncesto.

Ademais, cando cheguei no 2007 había uns pisos para a xente maior, dende a miña chegada ao goberno, sacáronse as autorizacións e legalizouse o tema ofrecendo un servizo de calidade aos veciños, xa que o centro de maiores co que contamos é do Concello, ten titularidade municipal.

Na actualidade, estase traballando co IDAE para a renovación de tódalas luminarias.

Cal foi o momento máis complicado ao que se tivo que afrontar como alcalde?
No tempo que levo considero que eu tampouco tiven momentos complicados. Sempre procurei levar todo en regra cumprindo sempre a lei e problema gordo, de momento, non tiven ningún.

Cal é o que máis caracteriza a Samos?
Eu creo que a localización, onde se sitúa; ter o río polo medio e conta co Monasterio, a capilla do ciprés e unha serie de elementos arquitectónicos. Sobre todo moitos monumentos, castros que caracteriza a Samos e o volve importante para os turistas.

Se tivera que elixir unha cousa coa que quedarse de Samos cal sería?
O máis importante en Samos hoxe en día é o Camiño Francés, é o que máis xente aporta e o é todo.

Como describiría a Samos como concello?
Samos é un concello con moita historia, no século pasado no ano 1900 rondaba os 10.000 habitantes. A historia é latente polo número de castros que ten, o Monasterio e a súa localización.

Que pode ofrecer Samos que non teñen outros municipios?
Para os turistas e visitantes pode ofrecer un Monasterio. Para os cidadáns Samos é unha vila tranquila na que se pode vivir moi ben, ten un pouco de todo, está ben situado, preto de Sarria e de Lugo. E, ademais está ben comunicado.

Cales son as maiores necesidades de Samos?
A parte do Camiño Francés, a gandería é o motor da vila, por iso a maior necesidade de Samos é sobre todo o rural. Este campo necesita moita inversión, boas estradas como poden ser as da Deputación que están a medio acabar, fixeron algún tramo de aglomerado. Este sector necesita boas comunicacións e boas estradas. Fixéronse moitas e séguense necesitando.

Tamén precisa telefonía e internet xa que as aldeas están baixo mínimos. Hai moi pouca cobertura un elemento que hoxe en día é necesario. Na actualidade este tema é un pouco deficiente.

Que solucións podería haber?
Que os organismos e as administracións centrais, autonómicas e provinciais invistan e lle dean unha solución integral, non solo a Samos senón a todos os pobos do seu arredor, xa que as comunicacións son algo moi importante. A solución está en facer unha inversión ben feita e achegar os servizos a todos os cidadáns.

Cambio de luminarias

Cal é o seu próximo proxecto?
Na actualidade estase a traballar no cambio das luminarias de todos os pobos e pasalas todas a tecnoloxía LED para obter un aforro, mellorar o servizo e a calidade de luz. Estamos aínda cos pregos a burocracia é moi lenta e non hai data de final de obra.

Como visualiza Samos nun futuro?
Vexo que terá un bon futuro é unha vila que esta prosperando grazas as comunicacións. A data de hoxe estívose perdendo habitantes coma tódolos municipios de montaña, porén, agora estamos equilibrados, empezando a recuperar.

Cal é a súa motivación para ser alcalde?
A motivación é que me gusta estar cos cidadáns e relacionarme coa xente. Manter unha boa relación cos veciños é a clave desta profesión.

Que é o que fai de Samos un bo concello para vivir?
Faino todo. Ter o río polo centro, uns xardíns e paseos para pasar un tempo libre de calidade e estar ben comunicado que é o atractivo de Samos.

Como fomentaría a vida no rural agora que se está a vivir o despoboamento?
Eu creo que a única forma de fomentar a vida no rural é dándolle axudas para que a xente non se vaia, non é cuestión de traer xente e de que a que nace aquí non marche, que teña uns medios para poder vivir. A xente que nace aquí xa está adaptada ao mundo rural e vaise porque a agricultura está complicada.

Cal cree que é o motivo para que se de o abandono do rural por parte dos máis novos?
A vida, a incomunicación, non ter bos servizos. E a rendibilidade dos produtos agrarios e gandeiros, hoxe en día véndense a prezos que non saen rendibles, ademais, o traballo non son de oito horas, trátase dun oficio que ocupa de luns a domingo, polo que se tes outra forma de vida a cal che ofrece mellores condicións, cos fines de semana libres, tes outra calidade distinta.

Ten instaurada algún tipo de política que fomente a estancia e a fixación de poboación no concello?
Nós cos medios que temos facemos o que podemos. Os medios que temos son practicamente mínimos e o que tratamos e darlles boas estradas, limpar as aldeas e ofrecer os mellores servizos posibles, que é o que se pode facer desde o Concello. Financiar ou subvencionar directamente con recursos propios é imposible cos medios que temos. Damos os servizos básicos e o máximo que se pode.