Skip to main content
Cultura SARRIAXASarria

Entrevista Luís Pardo Fernández: “O obxectivo é unir as sensibilidades todas e facer un partido forte”

Por 27 Febreiro, 2022Febreiro 13th, 2023Sin comentarios

Luis Pardo Fernández asumiu a presidencia da xestora do Partido Popular de Sarria despois da dimisión en xaneiro de Jose Antonio García.

Que é unha comisión xestora dun partido político? De que se encarga? Para que serve?
O partido político ata agora viña funcionando porque había una presidencia do partido ocupada polo voceiro municipal Jose Antonio García. Entón, o que pasou foi que en xaneiro, o mes pasado, dimitiu desas funcións e ese cargo orgánico quedou baleiro.

Ante esta situación, o partido podía facer un congreso local ou facer unha xestora, calquera das dúas opcións eran válidas. A dirección provincial o que decidiu neste caso foi crear unha xestora.

A xestora servirá para ocupar ese espazo político que quedou vacío trala dimisión do anterior presidente, Jose Antonio García e empezar a organizar o partido. Deste modo, o partido designou o presidente desa xestora e, neste caso son eu, pero, a xestora é algo transitorio ata o momento das eleccións ou ben ata que se organice un congreso local. Non é un órgano permanente, é para ocupar ese espacio.

Como se presenta esta nova etapa para o PP?
Esta etapa é para montar a xestora. A función da xestora vai ser intentar unir todas as sensibilidades do partido. É dicir, facer un partido forte, un partido unido con garantías para afrontar no ano que ven as eleccións municipais.

Como xurde a oportunidade de presentarse á presidencia da xestora?
Houbo unha reunión ca dirección provincial cando foi a dimisión de Jose Antonio, neste encontro decidiron montar unha xestora e ofrecéronme a presidencia da mesma e, para min, é unha honra estar de presidente da xestora e empezar a traballar para apuntalar o partido, dinamizalo, abrilo á sociedade. Para intentar que o ano que ven estea forte e unido para ter a maioría suficiente para gañar as eleccións.

Que motivacións tivo para aceptar este novo posto?
Xa fora concelleiro na etapa 2007-2011 e vexo que é importante darlle un impulso ao partido para garantir e intentar chegar ás necesidades de tódolos veciños de Sarria. Hai moitas cousas que facer e é un bo momento para que o partido se poña a traballar duramente e estudar as prioridades que teñen os veciños e veciñas de Sarria e entre todos chegar a un consenso, estudar esas necesidades para levalas a cabo e construír unha Sarria con futuro.

Presidir a xestora é o preludio de presidir o partido?
Non, temos que diferenciar o que é a xestora que serve para ocupar ese espazo vacío que había e despois para presidir o partido habería que chegar ao congreso local. Eu simplemente o que vou facer é botar unha man na creación da xestora para ter un grupo de xente que reúna todas as sensibilidades do partido e traballar para conseguir o obxectivo que son as eleccións municipais do ano que ven.

O presidente do partido haberá que sacalo nun congreso local.

O da xestora non ten nada que ver coa candidatura, é dicir, o presidente da xestora non é o candidato para as eleccións municipais. É totalmente distinto, o tema da candidatura aínda non chegou o momento para falar deso.

Xa está formada a agrupación?
Agora é o tempo de creala, dinme un mes, este mes de febreiro teño pensado ter organizada a xestora para empezar a traballar para ver as necesidades que ten Sarria e afrontalas.

Cal será o obxectivo principal da xestora agora?
Fortalecer o partido, unir as sensibilidades, falar cos veciños e veciñas de Sarria entre todos e abrir o partido á sociedade. Abrir o partido ás necesidades que todos os veciños pretendan incluír na futura Sarria, dende aí axudar en todo o que se poida e traballar para conseguilo.

Canto tempo se pode prolongar o mandato da xestora?
Ata que se celebre o congreso local para a que non hai data. Ademais, o bon que ten o Partido Popular é que ten unha ampla base social, ten moitos afiliados, simpatizantes e calquera deles poder ser candidato ou candidata para ser presidente do partido ou alcaldable nas próximas eleccións. Temos bancada de sobra para que calquera persoa sexa candidato.

Que poderes ten a xestora?
Organizar o partido, dinamizalo, unir as sensibilidades todas e facelo forte. O obxectivo da xestora é chegar cos traballo feito e falar con todos os sectores da sociedade para conseguir gañar as próximas eleccións municipais.

Unha vez formada a xestora cal é o seguinte paso?
Empezar a traballar nos intereses de Sarria, mirar as súas preocupacións, intentar dar as solucións. Traballar en equipo.

Estivo inactivo politicamente dende que foi concelleiro nos anos 2007-2011 ou seguiu vinculado ao partido?
Sempre estiven vinculado pero en segundo plano porque dende o 2011 non fun concelleiro. Seguín no partido pero nun segundo plano.

Como e cando comezou a súa vinculación no mundo político?
Nas eleccións do 99 empecei nun partido independente da man de José Luís Castro Agrasar que no ano 2000 desgraciadamente faleceu e incorporeime no Concello ao ser o seguinte na lista. Daquela fun concelleiro de deportes.

Cal é o papel do PP no goberno de Sarria actualmente?
Actualmente eu creo que están facendo unha gran labor de oposición. Están facendo unha oposición fiscalizadora no que dan a coñecer a onde van os nosos cartos, os nosos impostos, o que está facendo o goberno local. En definitiva, darlles as gracias porque están facendo unha boa oposición.

Cal é a maior necesidade de Sarria na actualidade?
Eu creo que ten moitas necesidades, dende un plan xeral que é moi importante. Tamén sería interesante facer un polígono industrial, onde os terreos teñan un prezo razoable e accesible para que as empresas decidan situarse en Sarria, traendo consigo un incremento de emprego, crear chan industrial… En tema cultural, a Fortaleza do Batallón eu creo que é un emblema para Sarria e que o Concello debería facer os tramites posibles para a súa adquisición e mantemento.

Que pode ofrecer o PP a Sarria?
O PP xa estivo gobernando moitos anos en Sarria e o que pode o PP é escoitar a todos os veciños e veciñas, mirar os problemas reais que ten Sarria e darlles unha solución. Esto ten que ser un tema conxunto como sociedade e gobernar e facer os prantexamentos máis oportunos para cada demanda.

Que lle pareceu que Jose Antonio García deixara de presidir o PP?
É unha decisión persoal del é un acto de xenerosidade porque podía quedar máis tempo, pero bueno segue de voceiro e portavoz municipal.