Skip to main content
Sarria

O contrato do ximnasio da piscina de Sarria queda novamente deserto

Por 13 Febreiro, 2022Sin comentarios

O Concello de Sarria sacará por terceira vez a licitación do subministro da maquinaria de equipación do ximnasio da piscina climatizada ao quedar deserta a segunda convocatoria.

Este contrato inclúe o abastecemento do material deportivo, de musculación e cardiovascular. Ademais, deberá encargarse do control do acceso as piscinas. A licitación é de 237.000 euros e terá unha duración de catro anos.

Ao segundo concurso presentáronse catro empresas, pero as súas ofertas non cumprían os pregos técnicos marcados polo que a mesa de contratación declarou que o procedemento quedara deserto ao non haber ningunha proposta que cumprira as condicións establecidas.

A primeira vez que se convocou esta licitación foi en outubro, nesta primeira convocatoria presentáronse dúas firmas que finalmente non cumprían os criterios marcados polos pregos técnicos. Desta forma, en novembro declarouse deserto o concurso e volveuse licitar en decembro, de novo sen acadar o resultado esperado.

O contrato establece nas súas bases que o ximnasio ten que dispor de tres zonas unha cardiovascular que terá que ter 11 equipos como elípticas, cintas e bicicletas. A segunda, de ciclismo indoor que terá que contar con 16 bicis mentres que a terceira zona, a de musculación terá que ter nove unidades de equipamento de forza e outras nove de peso libre

Tamén está en proceso de adxudicación o contrato dos servizos das piscinas tanto a exterior como a interior do Chanto, por unha contía de 310.817 anuais e un período de dous anos.