Skip to main content
Sarria

A Casa dos Ulloa de Sarria estará rehabilitada antes de outubro

Por 17 Febreiro, 2022Febreiro 18th, 2022Sin comentarios

Adxudicadas as obras de rehabilitación da Casa dos Ulloa situada na Rúa Maior de Sarria. Esta edificación levaba en titularidade pública dende o ano 2005 e trala súa rehabilitación, que conta cun orzamento de 313.365 euros, serán pisos de alugueiro social.

A empresa adxudicataria é Sunne Galiza, que foi a que presentou a mellor oferta das dúas que mostraron interese no concurso. Rebaixou o presuposto inicial en 20.000 euros e ofertou un menor prazo de execución dos traballos. O período de tempo inicial era de 270 días e Sunne Galiza rebaixouno a 200.

O edificio terá que estar listo antes de outubro debido a que, o Instituto Galego de Vivenda e Solo así o marca nas bases desta actuación. Esta entidade aporta unha achega de 240.000 euros que se completa con outra axuda do Grupo de Desenvolvemento Rural Miño-Ulla de 102.755 euros.

O edificio dividirase en cinco pisos e un baixo para uso municipal. Na planta baixa haberá dous pisos, na primeira outros dous e un na bufarda. Estes pisos terán ente 66 e 83 metros cadrados.

En setembro de 2019 a Casa dos Ulloa foi vítima dun incendio que puido ser intencionado e que obrigou a levar a cabo traballos de consolidación para arranxar os danos que provocou o lume.

Este novo proxecto conta co permiso de Patrimonio, necesario ao estar este edificio no casco histórico e no Camiño Francés.