Skip to main content

Por Rebeca Maseda

A historia dos diferentes pobos que compoñen este estraño e basto mundo está chea de  mitoloxía, de lendas fascinantes que nos contan misións imposibles para a maioría dos mortais.

Hai unhas semanas tiven a oportunidade de tocar na Sinfónica de Galicia unha obra  realmente peculiar: a “Suite Lemminkäinen”, composta polo finés Jean Sibelius (1865 – 1957).  Foi escrita orixinalmente entre 1893 e 1895 e está baseada na epopea nacional finlandesa do  “Kalevala”, un auténtico universo máxico onde conviven seres míticos e extraordinarios. O  Kalevala é unha obra de poesía épica escrita no século XIX por Elias Lönnrot na cal podemos  atopar unha gran cantidade de mitos sobre as divindades da mitoloxía finesa. Principalmente  consiste nunha gran recompilación do folclore e mitoloxías de Carelia e Finlandia, transmitidas  de forma oral ao longo de xeracións e que o propio Lönnrot recompilou durante anos de viaxes  realizadas por todo o país.

Ademais de considerarse a epopea nacional de Finlandia, é á súa vez unha das obras  máis importantes da literatura finesa, sendo o instrumento principal do desenvolvemento da  identidade nacional. Ao mesmo tempo, intensificou o conflito lingüístico do país, o cal, en  conxunto co aumento do nacionalismo, conduciu á independencia de Finlandia de Rusia en  1917.

A primeira versión do Kalevala (coñecido como “antigo Kalevala”), publicouse en  1835, en tanto que a versión máis coñecida e que se utiliza hoxe en día é de 1849 e consta de  22.795 versos, divididos en 50 historias populares. Comeza co mito da creación finés e a orixe  da terra, plantas, criaturas e o ceo da man de Ilmatar, a nai de Väinämöinen. Nos poemas  atopamos moitas historias de feitizos, cantos, luxuria, romances, secuestro e sedución, algo  similar ao que sucede en moitas outras mitoloxías. Os protagonistas das historias  frecuentemente deben lograr fazañas imposibles que, como é lóxico, non adoitan conseguir,  desembocando en traxedia e humillación. O elemento fundamental de toda a obra é o “Sampo”,  un talismán ou obxecto máxico que provoca moitas accións e consecuencias nas historias, ou  que ben intercede e interactúa cos personaxes para que estes sexan quen as inicien.

No Kalevala existen moitas similitudes con outras mitoloxías ou folclores, como por exemplo o personaxe de Kullervo, cuxa historia é similar á do Edipo grego, ou a virxe Marjatta  coa cristiá Virxe María. Ao longo dos poemas van aparecendo diversos personaxes que realizan as accións, cantando as súas fazañas ou desexos. En moitos casos, estes personaxes adoitan  estar a cazar ou realizando feitizos co fin de adquirir habilidades, o que lles permite continuar  evolucionando.

Os personaxes principais do Kalevala son: Väinämöinen, personaxe central similar a  Orfeo na mitoloxía grega; Ilmarinen, heroe similar a Dédalo na mitoloxía grega e creador da  cúpula do ceo, do Sampo e de varios obxectos máxicos da obra; Lemminkäinen, fillo de Lempi, home aposto, arrogante e imprudente que se fai eco do mito de Osiris; Ukko, deus do ceo e do  trono e deidade principal do libro, correspóndese con Zeus e con Thor; Joukahainen, mozo que desafía de forma arrogante a Väinämöinen e que tras perder con el ofrécelle á súa irmá, Aino;  Louhi, feiticeira do pobo de Pohjola, rivais dos Kalevala, sendo a causante de moitos dos seus  problemas; Kullervo, fillo vingativo de Kalervo, e por último, Marjatta, moza virxe de Kalevala que queda embarazada tras comer un arando vermello, unha alegoría da Virxe María  e da cristianización de Finlandia.

Resumindo, todo un universo máxico repleto de personaxes míticas que, á súa vez,  comparte moitos elementos comúns coa mitoloxía clásica. O mundo está cheo de fronteiras de  todo tipo -culturais, económicas, sociais, etc.- pero ata os pobos aparentemente máis afastados poden compartir sentimentos e historias.

Acaso non poderiamos esmerarnos en festexar a nosa humanidade?