Skip to main content
BegonteLugo

A Valedora avala a decisión da Deputación de negar o acceso ao PP ás naves de Begonte e a Santa María

Por 10 Febreiro, 2022Sin comentarios

A institución estima que no caso das naves de Begonte o acceso non é posible porque o estado das instalacións non garante a seguridade das persoas. En canto ao Fogar de Santa María, a Valedora di que é precisa unha comunicación previa á visita, algo que os deputados do PP non realizaran no seu momento.

A Valedora do Pobo vén de remitir á Deputación de Lugo o expediente no que dá resposta ás queixas formuladas polos deputados provinciais do PP Javier Jorge Castiñeira e Oscar Poy ante a denegación do acceso ás naves de Begonte e ao Fogar de Santa María. A Valedora avala en ambos casos a actuación da Deputación, que xa no seu momento estivo fundamentada en informes xurídicos realizados pola Secretaría Xeral da entidade provincial.

No caso das naves de Begonte, o motivo de non permitir o acceso débese ao estado das instalacións, que non permite garantir a seguridade das persoas no seu interior.

No caso do acceso ó Fogar de Santa María, a negativa veu motivada porque os deputados non notificaron a súa intención de facer a visita, nin o motivo da mesma. Hai que lembrar que esta se producía nun momento no que aínda existían condicionantes de acceso relacionados coa normativa vencellada á pandemia.

Estes criterios veñen de ser recoñecidos como correctos polo expediente da Valedora, que estima que con respecto ás naves, a denegación está motivada pola inseguridade do inmoble.

Sobre o acceso ás oficinas de Santa María, o expediente considera que negar a visita non supón limitar o dereito á información, porque os deputados populares sempre puideron acceder a expedientes, planos e documentación relacionada coa reforma. E conclúe que é precisa unha comunicación previa antes de facer a visita, “sen prexuízo do que proceda en termos organizativos polos órganos de goberno competentes”.

A portavoz socialista, Pilar García Porto, mostrouse satisfeita “polo feito de que o expediente da Valedora coincide cos criterios desta Deputación avalados pola Secretaría Xeral. Polo tanto, nin ocultación de información, nin escurantismo, como dicía o PP, senón puro sentido común”. García Porto pediu ao PP que “deixe de andar facendo espectáculo e que traballe pola provincia”. A voceira lamenta que os populares convertesen unha cuestión de procedemento nunha pataleta que non tiña outro obxecto que atacar inxustificadamente ó Presidente e á institución provincial. A Valedora traballa para resolver os problemas reais dos galegos e das galegas, e é unha pena que algúns non o entendan e pretendan levar alí os seus intereses políticos”.