Skip to main content
Castro de Rei LUGOXACastro de Rei TERRACHÁXA

Adxudicadas as obras para rematar as beirarrúas en Castro Ribeiras de Lea

Por 28 Febreiro, 2022Marzo 1st, 2022Sin comentarios

A Xunta adxudicou por preto de 375.000 euros as obras de renovación integral de beirarrúas en Castro Ribeiras de Lea, no municipio lugués de Castro de Rei.

Esta actuación, adxudicada á empresa Construcciones y Obras Taboada Ramos S.L.U., permitirá actuar na travesía da estrada autonómica LU-113 ao seu paso polo municipio, en preto dun quilómetro de lonxitude: desde o centro, á altura da praza de Galicia, ata a saída do núcleo urbano en sentido Abadín.

Os traballos contan cun prazo de execución de oito meses e teñen por obxectivo mellorar a seguridade para os peóns, especialmente nos puntos que presenten dificultade de paso para as persoas con mobilidade reducida ou carros de bebé, entre outros supostos.

Máis en detalle, as obras realizaranse na travesía da LU-113, entre os puntos quilométricos 5+070 e 6, onde o tránsito peonil en ambas as marxes da travesía é moi intenso porque acolle numerosos servizos, comercios e dotacións.

As novas beirarrúas construiranse cunha anchura igual ou superior a 1,80 metros en toda a lonxitude. Regularizarase a superficie e estenderase unha nova capa de zahorra e outra de formigón, sobre a que se asentará a baldosa hidráulica antideslizante.

Tamén se prevé nesta obra a ampliación e traslado dos sumidoiros ás novas zonas de ampliación e tamén se mellorarán os accesos aos garaxes, entre outras melloras.

Con esta nova actuación, o departamento de Infraestruturas completa os traballos xa realizados no ano 2020, no tramo comprendido entre os quilómetros 3+820, á altura do camposanto, preto de Duarría, e o 5+070, que supuxeron un investimento de 266.500 euros.

En conxunto, o investimento da Xunta para a renovación integral desta travesía ascende a 686.500 euros.