Skip to main content
Comarca TERRACHÁXACospeitoOuteiro de Rei TERRACHÁXA

De Terra Chá ata Kenia

Por 6 Febreiro, 2022Febreiro 8th, 2022Sin comentarios

Os chairegos Lara Lozano e Alberto Ferreiro impulsan a través da ONG Amor sin Barreras un proxecto para a construción e mantemento dun centro educativo en Lokitaung (Norte de Kenia) con servizo de gardería e comedor para un grupo de 35 nenos de entre 2 e 4 anos, unha iniciativa pioneira que está sendo un referente para replicar noutras zonas do país afectadas pola fame e que segue a necesitar o apoio e a solidariedade de empresas e particulares.

Kenia tamén ten un pedazo de Galicia. O CEI Pole Pole Olabide vén de abrir as súas portas neste país africano froito da colaboración da ONG Amor sin Barreras, da que forman parte dous chairegos, e o colexio vasco Olabide Ikastola, ademais de Aztivate Foundation.

O pasado 17 de xaneiro deron comezo as clases neste centro escolar situado nunha das zonas máis castigadas do mundo polo cambio climático. O inicio coincide co comezo do ano lectivo, que en Kenia é en xaneiro.

Alberto Ferreiro, de Outeiro de Rei, e Lara Lozano, de Cospeito, como membros deste colectivo, formaron parte dun proxecto pioneiro no mundo da cooperación e que está a ser estudado como modelo a replicar na zona de Turkana Norte polo Ministerio de Educación de Kenia.

O que ten de especial este centro é que combina educación, intelixencia emocional, asistencia médica e un programa nutricional. Ademais, como un valor engadido, a construción deste centro serviu tamén como un revulsivo económico para a zona.

Sumerxidos completamente neste proxecto están Alberto Ferreiro, veciño da parroquia de Aspai, en Outeiro de Rei, vinculado á consultoría estratéxica, e Lara Lozano Aguiar, natural da parrroquia cospeitesa de Goá e profesional do mundo da televisión e a comunicación.

Eles vinculáronse ao proxecto a finais do 2019 e principios do 2020. Ambos os dous eran amigos e tras coñecer a Ana Baz Moreno, presidenta da ONG e impulsora do proxecto, sumaron forzas a través da súa formación, Alberto como mentor estratéxico e Lara como comunicadora desta acción.

O PROXECTO

O proxecto xurde despois dunha viaxe de voluntariado a Nairobi por parte da fundadora da ONG, que decidiu iniciar unha campaña para captar fondos destinados a darlles unha alimentación equilibrada aos nenos dun orfanato en Nairobi. Pouco a pouco foi colaborando con outras organizacións dedicadas a axudar a nenos (tamén en Kenia) para facilitarlles recursos económicos principalmente para a súa alimentación.

A ONG busca os recursos e coordina este centro educativo en Lokitaung (Norte de Kenia) con servizo de gardería e comedor para un grupo de 35 nenos de entre 2 e 4 anos. Colabora coa Ikastola Olabide para implementar un programa educativo, Fundación Aztívate para cubrir as necesidades sanitarias, a Universidade de Valencia que aporta o programa nutricional e o psicólogo Víctor Victoris que estará próximamente en terreo para aportar o seu programa de intelixencia emocional creado para o proxecto a tal efecto.

As tribus Turkana, que se adican principalmente ao pastoreo, afrontan situacións estremas nas graves sequías onde quedan a miúdo en risco de morte os máis pequenos ao non ter acceso a auga nin alimento. “Alí a principal pandemia e non ter que comer”, explica Lara Lozano, que xunto a Alberto estiveron en agosto en Kenia aproveitando as vacacións.

“É imposible non deitarte cada día sen pensar un pouquiño en Turkana”

De arriba a abaixo, as familias o día que se lles comunicou o seu ingreso, o equipo do CEI Pole Olabide e os pequenos no colexio

OS INICIOS

O proxecto xorde a raíz de poñerse en contacto Javier Corbo da Fundación Aztivate, que ten na zona unha clínica pediátrica, con Ana Baz de Amor Sin Barreras. A fundación Aztivate conseguiu os terreos para construír un centro educativo onde coidar os nenos máis vulnerables e estaba así buscando outra organización que se fixera cargo de construción e mantemento do centro. Posteriormente Amor Sin Barreras formulou un proxecto máis completo ao conseguir a colaboración da Ikastola Olabide, Universidade de Valencia e o psicólogo Victor Victoris.

Amor Sin Barreras lanzou a campaña Los 100 de Turkana dirixida a empresas para o mantemento do proxecto e antes fíxose a campaña Constructores de sueños para a construción do complexo.

A día de hoxe, a construción está rematada pero continúan buscando recursos a través de empresas. “Faltan 40 para chegar ás 100, e particulares, que poden colaborar de varias formas como facerse socios ou doazóns puntuais, para conseguir dar continuidade ao proxecto no tempo”, engade.

“Temos un grandísimo reto por diante e o seguinte paso (na miña labor como mentor) é formular unha extratexia que axude a crear unha sinxela e respetuosa economía no lugar para que o proxecto e toda esa zona chegue a sosterse económicamente no tempo”, explica Alberto.

ALBERTO E LARA

Para Alberto e Lara este proxecto aportou un cambio significativo ás súas vidas. Han conseguido compaxinar as súas profesións e tempo libre con esta acción solidaria que necesita dun impulso onde a súa formación aportou moito. “Houbo que crear plan estratéxico a corto, medio e longo prazo, crear equipos de traballo en España e en Kenia, deseñar campañas para captar recursos, toma de decisións… etc, é moi parecido ao mundo das empresas e dos negocios”, explica Alberto.

Tras visitar o inicio das obras no verán, a intención é voltar de novo coa súa filla Carla, que viviu unha experiencia moi especial.

“Se algo te ilusiona, fas por compaxinar todo! Levo catro anos no Land Rober e recentemente acabo de poñer en marcha a miña propia empresa Redeslla Comunicación. Na colaboración con Amor Sin Barreras adicámoslle horas e horas, pero con moito cariño porque somos un bo equipo que traballamos man a man”, engade Lara.

Apoiados pola súa familia e amigos neste proxecto, queren transmitir a todos que “é posible que con pequenos cambios… cheguen os grandes”, subliña Alberto.

“E unha vez pisas o lugar, botas 36 horas de viaxe, para chegar a unha realidade ben distinta da nosa, e descubres a esencia das súas xentes e o moito que nos poden aportar… é imposible non deitarte cada día sen pensar un pouquiño en Turkana”, lembra Lara.

Ana Baz, Alberto e Carla Ferreiro e Lara Lozano en agosto no centro

“Unha vez estás alí chegas a sentirte moi estúpido e ignorante respecto das cousas máis importantes da vida; e sen lugar a dúbida os grandes mestres para explicarche isto son os nenos, e fano sen ter que decirche unha soa palabra”

UNHA PROXECCIÓN DE FUTURO

Alberto: “Unha proxección… e tamén un soño. Unha das cousas máis impactantes que vas descubrindo a raíz de coñecer as tribus Turkana é que eles poden ter a clave de moitos dos problemas que temos os do primeiro mundo, unha vez estás alí chegas a sentirte moi estúpido e ignorante respecto das cousas máis importantes da vida; e sen lugar a dúbida os grandes mestres para explicarche isto son os nenos, e fano sen ter que decirche unha soa palabra”.

Lara: “O noso soño e que algún día algún dese nenos (ademais de axudar a darlle unha volta a súa realidade) veñan a visitarnos para contarnos algunhas das cousas que os occidentais fai moito tempo que esquecemos ao estar atrapados nun mundo de tolos. É posible que eles teñan a auténtica e única vacina que precisamos”.