Skip to main content
Cospeito

Moexmu presenta os carteis anunciadores deste ano

Por 9 Febreiro, 2022Sin comentarios

A Comisión organizadora da XXXVIII edición da Mostra Exposición de Muimenta, presentou xa os carteis da edición deste ano, que se recupera despois do parón provocado pola pandemia da covid que obrigou a suspender dúas edicións.

A data prevista para a seguinte edición será os días 1, 2 e 3 de abril de 2022, acadando a XXXVIII edición da Mostra Exposición de Muimenta, o XXXVI Concurso de Gando Frisón, a XXXVI Exposición de Gando de Raza Rubia Galega e a XXVI Poxa de Gando Selecto.

Unha edición máis, Paula Francos Anllo, volve a ser a autora dos carteis da Moexmu e do Concurso de Gando.

A autora quere darlle vital importancia á unión, á colaboración, aos esforzos de voltar a xuntarse, sendo representada a través da letra “M”, tanto de Muimenta (con persoas) como de Moexmu (con gando).

O cartel da MOEXMU, a “M” fórmase coa unión de diferentes persoas que traballan e desfrutan xuntas para que a Mostra Exposición de Muimenta sexa posible: artesáns, gandeiros, expositores, grandes e pequenos, veciños e veciñas…

Mentras que o cartel do Gando, a “M” fórmase pola unión de todas as cabezas de gando participantes no concurso, exposición e poxa; destacando así a importancia da participación máis aló de quen sexa a gañadora, xa que sen os participantes, os concursos non serían posibles nin terían sentido.

A maiores, o recinto feiral Manuel Vila López acollerá o XXX Concurso Autonómico de Raza Frisona Fefriga 2022.

Como explican dende a organización, cando se suspendeu a celebración da Moexmu no ano 2020, na que se ía celebrar o Concurso Autonómico de Gando, sempre se mantivo o interese de acoller dito evento por ambas partes, tanto da xunta directiva de Fefriga, como da comisión da Moexmu. Tras varios contactos, ao longo das últimas semanas, acordouse a súa celebración.

A efectos do concurso autonómico, só poderán participar animais nados en Galicia e propiedade de ganderías galegas.