Skip to main content
FriolFriol TERRACHÁXA

Melloran as pistas forestais e os cortalumes en Friol

Por 21 Febreiro, 2022Xuño 22nd, 2022Sin comentarios

A Consellería do Medio Rural -a través do Servizo de prevención e defensa contra os incendios de Galicia- vén de realizar diversas obras preventivas en montes de xestión pública do concello lucense de Friol, cun orzamento de 75.296 euros. As actuacións centráronse na creación e mellora de cortalumes e faixas auxiliares, así como na construción e arranxo de pistas forestais e pasos de auga -moitas delas en zonas de alto risco de lume (ZAR)- co obxecto de reforzar a anticipación aos incendios.

En concreto, os traballadores destinados no distrito forestal IX Lugo-Sarria rozaron faixas auxiliares e pistas para retirar matogueira de diversas alturas e densidades, nalgúns casos, permitindo de novo a circulación. Esta acción posibilitou xerar descontinuidades que faciliten atallar eventuais lumes forestais, así como garantir o tránsito polo monte dos medios de prevención e extinción. Estes labores executáronse nas parroquias de Guimarei, Lamas, Silvela, Os Condes, Ramelle, Vilafiz, Prado, Xía, Nodar e Anafreita, acadando as 124 hectáreas de superficie rozada.

A maiores, nas parroquias de Anafreita e Nodar actuouse en máis de 9 quilómetros de pistas, arranxándoas aumentando o seu grosor, compactándoas e traballando con motoniveladora coa finalidade de facilitar o acceso, así como colocando pasos de auga onde foi necesario.

Todas estas obras enmárcanse no Plan de prevención de incendios forestais da Consellería do Medio Rural, que no ano 2021 contou cun orzamento de case 30 millóns de euros para actuar en máis de 58.000 hectáreas de territorio e nuns 5.000 quilómetros de pistas e vías de comunicación. O obxectivo final destas accións preventivas é evitar que o lume se produza, e en caso de producirse, limitar ao máximo a súa propagación e minimizar os danos causados.