Skip to main content
Muras

Desacordo no Parlamento para o impulso do polígono de Muras

Por 25 Febreiro, 2022Sin comentarios

O BNG propón no Parlamento que a Xunta axilice os procesos para construír o polígono industrial de Muras e o PP oponse porque asegura que lles falta documentación para desbloquear o proceso.

O BNG defendeu no Parlamento galego unha proposición non de lei para instar á Xunta a implicarse no desenvolvemento do polígono industrial de Muras axilizando os procesos administrativos para comezar canto antes a súa construción, unha iniciativa que non prosperou polo veto do PP.

O deputado nacionalista Daniel Castro mostrou a súa incomprensión ante a posición do PP, do que recordou votou a favor no pleno municipal do concello da aprobación provisional á que lle obriga a Xunta (aprobada ata en tres ocasións) e, despois, dende o Goberno galego “continúa entorpecendo a posta en marcha do polígono industrial con novos requirimentos e denegacións que non aparecían como necesarios nos requirimentos previos”.

Ao seu xuízo, a situación é incomprensible, dado que o concello “leva anos facendo o que a Xunta lle solicita e despois de que o faga é a propia Xunta a que se emenda a si mesma poñendo novas trabas que antes non poñía” e que traen como resultado que as empresas interesadas sigan sen poder dispor dun polígono “que tantos beneficios traería á localidade”.

Neste sentido, Castro recordou que o concello iniciou xa en xaneiro de 2016 os procesos necesarios para contar cun polígono industrial co primeiro borrador e documento ambiental estratéxico e, seis anos, despois “a Administración galega segue a requirir “novos documentos que non consideraba necesarios en anos pasados”

O deputado do BNG advertiu que estas trabas son aínda máis difíciles de entender en vilas do rural avellentadas como Muras, nas que, segundo recalcou, a aparición de novas oportunidades laborais permitirían non só beneficiar á poboación actual, senón tamén impulsar a chegada de novas familias que permitirán rexuvenecer o concello.

A isto, engadiu o feito de que Muras é unha localidade fronteiriza coa Mariña, moi próxima a Ourol ou Viveiro, polo que “a apertura de novas empresas e, polo tanto, de novas oportunidades laborais preto da Mariña, sería un pequeno respiro para unha comarca que leva moito tempo sufrindo”.

Por todo isto, non chegamos a entender como a Xunta se está a emendar a si mesma constantemente, impedindo que o concello de Muras poida ter algo que todos os grupos políticos, incluído o PP, e a sociedade queren”, concluíu. 

PARTIDO POPULAR

O deputado do Grupo Popular José Manuel Balseiro demandou no Parlamento de Galicia que o Concello de Muras remita con urxencia a documentación solicitada hai dous meses pola Xunta de Galicia de xeito que se poida desbloquear e axilizar a construción do polígono industrial neste municipio lucense.

No debate dunha proposición non de lei do BNG, Balseiro confirmou “a máxima disposición e vontade favorable do Goberno galego para que o municipio de Muras conte, nun futuro o máis próximo posible, cun polígono industrial nos terreos emprazados no lugar de A Cabana”.

“Se somos capaces de facer realidade o novo polígono conseguiremos dar resposta ás demandas que formularon os empresarios da zona e, ademais, cumprir cun compromiso que o PP de Muras incorporaba no seu programa electoral”, sinalou.

Porén, Balseiro explicou que para facer realidade esta obra “o Concello ten que dar uns pasos previos e cumprir unha serie de trámites imprescindibles de carácter urbanístico, como é aprobar a revisión das normas subsidiarias”. Neste sentido, lembrou que este procedemento foi aprobado inicialmente co respaldo de todas as forzas políticas municipais, “pero a día de hoxe o Goberno municipal ten trámites pendentes, polo que pedimos que desde o Concello se axilicen eses trámites administrativos como paso previo para poder comezar as obras”.

O deputado popular dixo que “hai oito meses que a Dirección Xeral de Urbanismo da Xunta remitiu ao Concello un requirimento para que incorporase documentación que faltaba no expediente, unha solicitude que foi respondida catro meses despois polos responsables municipais, “pero que viña incompleta e con erros, polo que a Xunta volveu requirir no mes de decembro ao Concello para que emendara as deficiencias sinaladas sen que obtivera resposta algunha ata o día de hoxe”.

Deste xeito, José Manuel Balseiro lamentou que “a tardanza do Goberno local de Muras por achegar a documentación completa está supoñendo na práctica o bloqueo do futuro polígono industrial”, polo que demandou que “debe ser máis áxil na súa resposta para que este proxecto sexa finalmente unha realidade”.