Skip to main content
Muras

Muras investiga un novo gromo de tubercolose bovina

Por 25 Febreiro, 2022Febreiro 26th, 2022Sin comentarios

O Pleno do Concello de Muras aprobou no pleno ordinario unha moción de urxencia polo que solicitan á Xunta unha investigación sobre un posible novo gromo de tuberculose bovina na parroquia da Balsa, ademais da aprobación de medidas compensatorias cos afectados.

En maio de 2019 apareceu na parroquia de A Balsa un gromo de tuberculina, que provocou  a  inmobilización de vinte explotacións gandeiras e a vixilancia de arredor de 700 cabezas que compartían pastos na comunidade de montes de A Balsa. Daquela sacrificaron 16 animais, posteriormente outras 13.

Cando se tiña por controlado o gromo, a raíz das inspeccións ordinarias do Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia, realizáronse recentemente análises e o diagnóstico de varias mostras para a súa avaliación, resultando que un total de 24 vacas saíron dubidosas das probas en pel de tuberculina, polo que serán sacrificadas no matadoiro a vindeira semana.

Este novo rebrote ten ao sector gandeiro da zona moi preocupado, por todos os danos e prexuízos que pode provocar unha nova inmobilización das explotacións, sendo o principal problema o das perdas económicas e o da desconfianza do mercado. Non poden crer que isto estea pasando na mesma zona, cando hai menos dunha semana, José Balseiros, Director Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias de Galicia anunciaba a declaración de Galicia como libre de tuberculose bovina.

Debido a isto, o pleno mostrou por unha parte o seu apoio ao sector gandeiro afectado polo rebrote de tuberculina, e  pola outra a súa disposición a promover todas as medidas necesarias e posibles para axudar a resolver o problema e restablecer a normalidade na actividade das explotacións.

Ademais, insta á Xunta de Galicia a que declare zona gravemente afectada por unha emerxencia á area de A Balsa polo gromo declarado de tuberculina e a aumentar as indemnizacións por sacrificio do gando bovino.

Finalmente, solicita á Consellería de Medio Rural que se leven a cabo todas as medidas posibles para investigar onde pode estar o foco da tuberculina na comunidade da Balsa.