Skip to main content
Outeiro de Rei LUGOXAOuteiro de Rei TERRACHÁXA

Inaugurada en Outeiro de Rei a Nave de Reciclaxe

Por 7 Febreiro, 2022Sin comentarios

Trátase dun espazo que permitirá recuperar utensilios depositados no punto limpo municipal, localizado ao carón da nave e con acceso directo á mesma, ou obxectos que outras persoas acheguen á instalación para intercambialos por outros do seu interese.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, subliñou hoxe a aposta do concello de Outeiro de Rei pola reciclaxe e a economía circular a través da posta en marcha dun novo espazo municipal para a autorreparación e o intercambio de obxectos e utensilios, un proxecto financiado en case un 80% pola Xunta a través dunha achega de 30.000 euros.

Durante o acto de inauguración da nave —localizada no polígono industrial, cunha superficie útil de 60,26 m2 distribuídos nunha soa planta e altura suficiente para facilitar o acceso de vehículos— a conselleira, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e o alcalde, José Pardo, recibiu unha explicación técnica sobre o funcionamento da instalación e os obxectivos que se perseguen coa súa posta en servizo.

Así, trátase dun espazo que permitirá recuperar utensilios depositados no punto limpo municipal, localizado ao carón da nave e con acceso directo á mesma, ou aqueles obxectos que outras persoas acheguen á instalación de reciclaxe para intercambialos por outros do seu interese, xa sexan mobles, roupa, pequenos electrodomésticos ou xoguetes. A tal fin, o novo espazo tamén está dotado de ferramentas básicas para poder realizar pequenos arranxos e tarefas de autorreparación no propio lugar.

Tras lembrar que o obxectivo do seu departamento ao apoiar aos concellos en proxectos deste tipo é contribuír a unha mellor e máis ampla xestión dos residuos de carácter especial, Ángeles Vázquez explicou que, no caso concreto de Outeiro de Rei, o Goberno local beneficiouse da orde de axudas convocada en maio de 2020 para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal.

Así mesmo, lembrou que desde o ano 2015 Outeiro de Rei dispón dun punto limpo fixo para depositar obxectos, electrodomésticos e outro tipo de materiais que polas súas características particulares, deben ser depositados en instalacións como esta, en cuxa construción, segundo indicou, a Xunta investiu algo máis de 275.000 euros.

Este ano, a conselleira indicou que o Goberno galego seguirá colaborando cos concellos neste eido, lembrando que aínda poden solicitar as dúas ordes de axudas convocadas por 15,7 M€ para a recollida separada de biorresiduos e para os residuos domésticos especiais.