Skip to main content
Outeiro de Rei LUGOXAOuteiro de Rei TERRACHÁXA

Outeiro de Rei ten xa atención pediátrica diaria

Por 23 Febreiro, 2022Sin comentarios

O conselleiro de Sanidade vén de visitar o centro xunto co alcalde, José Pardo, para saudar á enfermeira especialista en enfermaría pediátrica que se incorpora para prestar asistencia durante toda a semana.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña vén de efectuar unha visita ao Concello de Outeiro de Rei xunto co alcalde desta localidade, José Pardo Lombao, para supervisar o inicio da prestación de atención pediátrica de xeito diario neste concello. Estiveron acompañados polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias; o xerente da Área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares; e pola directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria de Estrella López-Pardo.

No que supón unha nova aposta da Xunta por reforzar as capacidades e o papel da enfermaría, o Sergas iniciará en Outeiro de Rei un proxecto pioneiro que se concreta na dotación dunha enfermeira especialista en enfermaría pediátrica que estará dispoñible para as familias de Outeiro todos os días no seu centro de saúde realizando atención pediátrica como a supervisión periódica do neno san e complementando a atención prestada pola pediatra que se despraza a este centro un día á semana, un modelo que o conselleiro destacou como interesante para mellorar a atención pediátrica nun territorio disperso como o galego e nun contexto de carencia de pediatras.

O goberno galego foi pioneiro en España na creación das categorías de enfermaría especialista nos eidos de enfermaría familiar e comunitaria ou enfermaría pediátrica a través do Decreto 81/2016, do 23 de xuño, polo que se crea no ámbito do Servizo Galego de Saúde a categoría estatutaria de persoal enfermeiro especialista. Este decreto permitiu contar desde o ano 2018 cunha lista de contratación temporal deste persoal e convocar un concurso-oposición de 18 prazas desta especialidade enfermeira no ano 2019 que deu lugar a que 18 destas especialistas conten xa con praza en propiedade.

Unificación das infraestruturas

Na visita, conselleiro e alcalde avanzaron tamén no proceso de desenvolvemento da reforma do actual centro de saúde de Outeiro de Rei para ampliar a súa superficie en máis de 300 metros cadrados e acoller o Punto de Atención Continuada actualmente situado nunhas instalacións separadas e con problemas estruturais e asistenciais. Esta obra de unificación está incluída dentro da Fase 1 do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria aprobado pola Xunta en outubro de 2021.

Nese sentido, o Servizo Galego de Saúde enviou xa a técnicos de obras a supervisar o centro e as parcelas adxacentes acompañados de persoal do concello para avaliar as posibilidades de ampliación e a dispoñibilidade de parcelas para efectuala.

Unha vez aclarados estes estremos, conselleiro e alcalde acordaron iniciar o trámite para asinar un protocolo de colaboración segundo o cal o Concello cederá ao Sergas unha parcela adxacente e autorizará á administración autonómica a acometer as obras no inmoble, que é de titularidade municipal. Pola súa banda, a Xunta de Galicia asumirá os trámites de elaboración do proxecto e licitación e execución da obra e os custos derivados deste proceso.

O centro resultante centralizará nun único edificio toda a asistencia sanitaria do municipio ademais de atender as urxencias extrahospitalarias dos concellos que engloban o ámbito do Punto de Atención Continuada. Este PAC mellorará as súas instalacións ao dotarse de áreas de admisión e consultas de medicina e enfermería máis amplas, un box de críticos con espazo suficiente para realizar as transferencias de pacientes da padiola da ambulancia á do centro. Ademais, o PAC gañará unha sala de observación para tratamentos, que non existe no actual edificio, así como espazo para a base da ambulancia do 061.