Skip to main content
A Pastoriza

O CEIP O Salvador votará o luns o cambio á xornada única

Por 10 Febreiro, 2022Sin comentarios

O CEIP O Salvador da Pastoriza votará este luns, 14 de febreiro, o cambio á xornada única lectiva. O proceso pechou xa os tres pasos previos antes de sometelo á votación dos pais e nais do centro.

Así, houbo acordo primeiro do claustro de profesores, despois do consello escolar e finalmente contan co informe favorable do Servizo de Transportes da Xefatura Territorial de Lugo.

Para que a xornada única sexa aprobada é necesario o acordo o 58% do censo dos pais, nais e titores legais do alumno.

As votacións terán lugar este luns, 14 de febreiro, de 9.15 a 17.15 horas. Votará un único proxenitor por familia de forma segreda e non delegable.

O cambio de xornada proposto polo centro non implica cambios no horario de centro nin tampouco nos servizos de transporte e comedor. O horario de entrada do centro seguirá a ser ás 9.30 horas e rematarán ás 15.40 trala comida.

Os venres a saída será ás 14.00 horas e manterán o horario actual.

O centro asegura que o cambio de xornada está fundamentado nunha distribución máis funcional, na mellora da atención e no rendemento intelectual do alumnado, na adquisición de hábitos horarios semellantes á seguinte etapa educativa e á mellora da conciliación familiar.

Neste último suposto é para o caso dos nenos e nenas que non fan uso do servizo complementario de comedor, xa que as súas familias terán maior facilidade posto que recollerán ao alumnado despois da última sesión, non tendo que traer de volta ao centro educativo ao alumnado despois de comer para a última sesión.