Skip to main content
A Pastoriza

O PP da Pastoriza afea ao Goberno local a “irresponsabilidade” coa que actuou co SAF

Por 19 Febreiro, 2022Sin comentarios

O Grupo Municipal do Popular da Pastoriza amosa a súa preocupación pola sentenza do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Lugo que condena ao Concello a pagar 21.000 euros á empresa do Servizo de Axuda no Fogar. Deste xeito, os populares consideran que “estamos diante dunha irresponsabilidade do goberno local sen precedentes, xa que os grandes prexudicados foron e son os beneficiarios deste servizo que, ademais de non telo, agora ven como a entidade local actuou de xeito improcedente”.

É por este motivo, polo que dende o PP destacan que os responsables da xestión do SAF, e en consecuencia o alcalde, “deben dar explicacións, e deben facelo, engaden, por respecto aos veciños e ás familias dos usuarios que tanto precisan desta prestación”.

“Estamos a falar dun servizo que non é coma outros, debido ao trato directo que conleva cos dependentes. Non velar porque a súa xestión sexa correcta é unha falta de competencia total e absoluta por parte do Concello”. A este respecto, o Grupo Municipal do PP afea ao goberno local que “cargue tintas contra a Xunta de Galicia”, xa que o desenvolvemento do SAF depende única e exclusivamente das entidades locais.

“Cando hai algún problema, PSOE e BNG sempre intentan culpabilizar ao Goberno galego, pero o que existe neste caso é unha irresponsabilidade clara por parte de socialistas e nacionalistas”. Os populares lamentan así que “intenten buscar escusas e frivolicen con algo tan serio como é a atención aos nosos maiores”.

Datos SAF

O Concello de A Pastoriza ten 39.252 horas anuais de SAF asignadas, polas cales a Xunta estaba poñendo á súa disposición, ata o de agora, 380.744 €. A setembro de 2021, a ratio de atención é do 84%: con 89 beneficiarios atendidos e 17 pendentes de recibir o servizo. Do total de horas asignadas, 35.772 están sendo efectivamente prestadas e 3.480 están dispoñibles.

Co incremento da achega da Xunta, que se eleva a 11€/hora este ano e o vindeiro, con efectos retroactivos desde o pasado mes de xaneiro, a Xunta porá á súa disposición nas vindeiras semanas 51.028 € adicionais.

Este incremento consolidarase no ano 2022, no que a achega ao concello da Pastoriza será de 431.772 €, un 13,4% maior que ao inicio de 2021.

Este incremento do financiamento Xunta dará maior seguridade económica aos Concellos, que poderán estender o SAF a máis fogares e incrementar o número de horas das persoas que xa dispoñen desde servizo.