Skip to main content
A PastorizaMonforte

A mocidade da Pastoriza e Monforte fai programas de radio contra as inxustizas

Por 23 Febreiro, 2022Sin comentarios

Os mozos e mozas dos institutos de Monforte e a Pastoriza que participan este ano no proxecto de educación en valores Activistas polo mundo queremos, gravarán programas de radio dende as aulas para loitar contra o machismo, os abusos ambientais ou o discurso de odio contra a migración e o colectivo LGTBIQ+.

A cita será este mércores 23 no IES Fonmiñá de A Pastoriza pola mañá e o 8 de marzo no IES A Pinguela de Monforte.

En obradoiros anteriores os mozos e mozas aprenderon o que significa ser unha persoa activista tanto na Galiza coma noutras partes do mundo. Tamén reflexionaron sobre como as ferramentas comunicativas como a radio, pódenlles axudar no seu compromiso social. Nestas semanas os mozos e mozas, como se fosen auténticos xornalistas, tras investigar e facer os guións das súas reportaxes, locutarán e gravarán en “falso directo” os seus propios programas de radio de denuncia e transformación social.

Así, o alumnado de Monforte e A Pastoriza súmase os case cincocentos mozos e mozas que dende Redondela, Cambre ou o Barco de Valdeorras tamén participan este ano na que xa é a 9º edición de Activistas polo mundo queremos. Un proxecto de educación para a cidadanía global que é posible grazas a unión de tres ONGDs, Solidariedade Internacional de Galicia, Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (Agareso) e Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) e ao financiamento da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE.

Forma parte da plataforma de innovación educativa Plan Proxecta, impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Parte importante deste traballo é a propia difusión, así que dende Activistas polo Mundo que Queremos convidamos aos medios de comunicación a que compartan esta información e acudan as gravacións para darlle voz aos mozas e mozos, verdadeiros protagonistas deste proxecto.

Este mércores 23 de febreiro alumnos do IES Fonmiñá gravarán de 10:35 a 12:15 horas para os alumnos de 3º e 4º da ESO, e de 12:35 a 14:15 horas os de 1º e 2º da ESO.

O martes 8 de marzo será a vez do IES A Pinguela. Entre as 9:35 e as 11:15 horas gravarán os de 1º e 2º do ciclo xestión; e de 15:35 a 17:15 horas os de 1º e 2º de ESO.