Skip to main content
Rábade LUGOXARábade TERRACHÁXA

A subdelegada presenta en Rábade os novos medios para reforzar a Garda Civil

Por 4 Febreiro, 2022Sin comentarios

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez,  informou onte de que a Garda Civil da provincia de Lugo disporá de novos medios que lle permitirán prestar un mellor servizo aos veciños e veciñas da provincia. A subdelegada anunciou, en Rábade, que o Ministerio do Interior vén de dotar con 110 tabletas á Comandancia da Garda Civil de Lugo para que os axentes que prestan servizo na provincia poidan realizar o seu traballo de xeito máis áxil e eficaz.

Isabel Rodríguez, que visitou o posto da Garda Civil de Rábade acompañada polo coronel xefe da Comandancia, Miguel Ángel González Arias, e polo alcalde, Francisco Xosé Fernández Montes, onde xa están en funcionamento as primeiras tabletas, agradeceu os pasos que está a dar o Ministerio do Interior para mellorar os medios humanos e materiais das forzas de seguridade da provincia de Lugo, co obxectivo de que os axentes poidan cumprir nas mellores condicións a súa misión de protexer aos cidadáns.

A subdelegada explicou que coa entrega das tabletas, que se distribúen estes días na provincia, “avanzamos no compromiso do Goberno de modernizar os medios dos que dispón a Garda Civil para garantir a seguridade dos lucenses e lembrou a importancia deste corpo nunha provincia con tanto peso do rural, con moitas persoas maiores e de poboación moi dispersa”.

“E un paso máis o que damos hoxe”, sinalou Rodríguez, quen lembrou que as tabletas súmanse a outras melloras como a recente incorporación de oito novos vehículos para renovar o parque móbil e a Dirección Xeral da Garda Civil tamén ten previsto realizar importantes investimentos en obras de mellora de distintos cuarteis na provincia.

Rodríguez informou de que os novos dispositivos distribúense nestes días en distintos postos da provincia, como o de Rábade, e destínanse ás unidades de Seguridade Cidadá, patrullas do Seprona e ao servizo marítimo, entre outros. Con elas, os axentes poderán facer o seu traballo dun xeito máis áxil pois poderán empregar os dispositivos para a realización de xestións e tamén para facer comprobacións en distintas bases de datos oficiais, ademais de facer ou recibir chamadas. Así, por exemplo, poderán facer verificacións de identidade, facer trámites relativos a violencia de xénero como a existencia de ordes de alonxamento ou comprobar se unha persoa ten retirado o carnet de conducir.