Skip to main content
Vilalba

“Coas nosas marcas ofrecemos un bo produto a un prezo asequible”

Por 13 Febreiro, 2022Sin comentarios

Antía Naveiras González é a fundadora e xerente de Carapuchiña Vermella.

Dende hai cinco anos, unha tenda da céntrica rúa Plácido Peña de Vilalba fai as delicias dos pequenos da vila e tamén das súas nais, que atopan neste recuncho con nome de conto roupa de todos os estilos e para todas as idades. Ao seu fronte está a vilalbesa Antía Naveiras González.

Cando abriu Carapuchiña Vermella e como xurdiu a idea?

Abrimos a tenda en setembro do ano 2017. Inagurámola unha tía miña e máis eu. A idea xurdiu porque ao dar a luz botáronme da empresa na que estaba e gustoume a idea da tenda. Logo veu a pandemia e decidín quedarme eu soa co negocio.

Están situados na rúa Plácido Peña, escolleron este local por algo en especial?

Escollímolo pola situación. Estaba nun lugar de tránsito, cómodo para os clientes e ademais o local estaba sen acondicionar polo que empezamos coa reforma de cero e así puidemos poñelo ao noso gusto. Pasamos como preto de medio ano reformándoo.

Como definiría o seu produto?

No día 2017 abrimos Carapuchiña con roupa máis orientada a vestir e para eventos e tamén cun pouco de sport, pero agora fumos evolucionando e centrámonos máis no sport. Temos para todas as idades, dende as primeiras postas, desde 0 meses, ata 16 anos. A verdade é que foi unha evolución que veu condicionada pola pandamia, que a nós colleunos coma a todos no medio. Si que é certo que o vestir aquí véndese moito pero non deixa de venderse tamén moito o sport. Ademais, notamos un cambio nos costumes xa que cada ano que pasa óptase máis polo sport para as grandes ocasións para que o neno poda reutilizar esa prenda. O vestir que tiñamos non era un vestir sobrecargado, sempre gustáronnos máis as liñas sinxelas, porque está ben vestir elegante ao pequeno, pero darlle outro uso tamén a esa roupa, igual non para ir ao colexio, pero si para saír polas tardes a dar un paseo, por exemplo.

Que fai diferente a Carapuchiña do resto de tendas de roupa de pequenos?

A día de hoxe intentamos mezclar un pouco de todo. Introducimos algo de puericultura, xoguetes de madeira e tamén complementos, como mochilas, botellas, un pouquiño de todo. O que intentamos  é que nun pequeno espazo podamos ofrecer unha gama ampla de produtos, non só roupa. Así podemos vestilo, darlle xoguetes e mesmo ofrecerlle alternativas ao seu ocio como libros, que tamén temos. Intentamos dar un trato personalizado e sempre facilitando as cousas ao cliente, gústanos tratar á xente de ti a ti porque sin eles non estaríamos aquí. O bo trato e darlle cariño á xente é unha máxima.

Con que firmas traballan?

De roupa a día de hoxe traballamos Canada House, é unha cadena a nivel España que ten tendas propias tamén pero que vende aos puntos de venda. Tamén temos Zippy, que vai na mesma liña que Canada House, tamén ten tendas propias, neste caso por Portugal, aínda que antes tiña tamén por España, pero agora só se quedaron cos puntos de venda. Son marcas que teñen máis nome que a xente adoita coñecer e que nos permite ofrecer boa roupa pero a un prezo máis asequible.

Teñen previsto ampliar ata algún outro lado?

A día de hoxe estamos ben así, as marcas que temos estamos moi contentas con elas. Ímolas manter pero non se descarta ampliar nun futuro segundo vaiamos vendo como evolucione todo, porque temos que adaptarnos.

Ofrecen tamén servizo de tenda dixital. Como funciona?

Cando abrimos no 2017 creamos unha páxina web pero non se empezou a mover ata a pandemia porque unha vez encerrados na casa, todos acudimos a internet. Así comezamos a subir produtos para ofercer á xente que te demandaba, incluso veciños da zona, que precisaban cousas básicas e que lles vendimos por aí. De feito, dímolles un impulso á web daquela. En Nadal funcionounos moi ben. De feito, recibimos unha subvención para mellorar a web e incorporamos un programa TPV que nos permite sincronizar coa tenda para evitar a rotura de stock. É certo que na nosa web o que máis se pode ver son os produtos de puericultura ou os xoguetes porque a roupa rota máis e cóstamos máis actualizar o stock.

Participan ou realizan campañas do comercio?

Si, estamos dentro da asociación Sete Pontes e gústanos participar nas súas campañas porque hai que deixarse ver e facer cousas para estar en primeira liña e a verdade é que fan cousas moi interesantes e iniciativas ás que nos gusta sumarnos. Para nós é importante que o stock saia, por eso utilizamos a estratexia da liquidación e temos feito sorteos, sobre todo de cara ás redes sociais.