Skip to main content
As PontesVilalba

Vilalba e As Pontes, primeiros centros sanitarios en ter o seu Plan Local de Saúde

Por 23 Febreiro, 2022Sin comentarios

Os centros de saúde de Vilalba e As Pontes foron os primeiros de Galicia en firmar os seus Plans Locais de Saúde 2022-2025, que “identifican as necesidades específicas de cada centro sanitario e definen as solucións para mellorar a saúde da poboación e tamén a experiencia do paciente” en cada servizo de Atención Primaria.

Ademais de Vilalba e As Pontes, tamén rubriron o seu plan os de Elviña, Os Mallos, Santa Comba, Teo, A Estrada, Caranza, Xinzo de Limia, Castro Caldelas, Cambados, Virxe da Peregrina, Sárdoma e Lavadores. O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, puxo en valor o compromiso dos grupos de traballo que sacaron adiante estes primeiros plans locais, que “sitúan a Galicia no camiño para marcar o cambio de modelo en atención primaria en España”.

García Comesaña explicou que un plan de saúde local é un documento estratéxico “vivo, aberto e participativo”, que se presenta como a mellor radiografía da saúde da poboación” e que servirá como guía para planificar todo aquilo que poida mellorar “a calidade de vida do paciente”. Así mesmo, o conselleiro valorou que “son 14 plans para 14 realidades diferentes” e que foron elaborados polos profesionais de cada centro, “os que máis e mellor coñecen as demandas do seu servizo”.

Asemade, neles recóllese un compendio de accións e medidas concretas co fin de acadar uns obxectivos adaptados á realidade de cada servizo de atención primaria. Neste punto, avanzou que a consellería de Sanidade, en función do nivel de cumprimento dos obxectivos fixados, recoñecerá, cada ano, o mellor servizo de atención primaria de Galicia.