Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAMar AMARIÑAXA

O PSOE reclama a creación dun observatorio de igualdade do sector pesqueiro

Por 9 Marzo, 2022Sin comentarios

A voceira de Pesca do Grupo Socialista, Patricia Otero, instou a Xunta de Galicia a crear o observatorio de igualdade do sector pesqueiro galego. Con este obxectivo o PSdeG defendeu esta tarde unha proposición non de lei na que se recollía unha iniciativa da asociación Mulleres Salgadas, a única asociación de ámbito galego de mulleres no sector pesqueiro.

Entre as funcións deste observatorio -que debería contar coa necesaria achega orzamentaria e estar formado por persoal científico e técnico- márcanse as de estudar, analizar e establecer diagnoses e medidas correctoras que contribúan a mellorar a situación das galegas que traballan no mar ou en actividades relacionadas. De maneira específica, solicítase que se preste especial atención á escasa representación das mulleres en postos de dirección e representación.

Na súa defensa desta iniciativa, Patricia Otero quixo facer un recoñecemento a “todas esas mulleres do mar que realizan un papel fundamental na nosa sociedade dende o punto de vista profesional e persoal”. Con todo, alertou de que, aínda que na actualidade están presentes en todos os segmentos da cadea de valor da pesca, “segue sen coñecerse a súa situación real porque non existen datos desgregados por homes e por mulleres”. Por iso, a deputada socialista salientou que “é fundamental que en Galicia se elaboren estudos, moito máis tendo en conta o peso que a pesca e a acuicultura ten na nosa comunidade”.

Así, entre as “moitas asignaturas pendentes que quedan para acadar a igualdade real”, citou “a escasa representación das mulleres nos órganos de dirección onde se toman decisións que lles afectan”. De feito, Patricia Otero advertiu que o incrementou a presenza feminina nas actividades relacionadas coa pesca e o mar non se reflicte nas áreas directivas. “Apenas acceden aos órganos de dirección e representación”, como demostra o feito de que dos 63 patróns maiores dos pósitos galegos, só 5 son mulleres. 

Patricia Otero denunciou que “isto é froito da invisibilidade que sufriron durante moitos anos”. Porén, sinalou que as mulleres “non queren seguir silenciadas, queren que se lles escoite directamente neses foros e órganos onde se fala do seu traballo e onde se toman decisións que afectan ao seu futuro”. 

Ao fío disto, cualificou de “urxente e necesario” que se tomen medidas para acadar a participación efectiva das mulleres nos órganos e procesos de toma de decisións. “Quedan moitos pasos por dar para que existan unha participación equitativa nas estruturas de poder e de decisión”, advertiu.

Por outra banda, ademais da “falla visibilidade e a escasa representación nos órganos de decisión”, Patricia Otero tamén reclamou medidas que dean resposta ás “problemáticas históricas” que afectan ás mulleres do sector. Entre outras, enumerou as melloras de condicións de traballo e de vida, a fenda salarial, a clasificación profesional por razón de sexo, a mellora na conciliación ou optimización das condicións de saúde hixiene e seguridade.

“Son moitos os retos que aínda seguen vixentes”, proclamou a parlamentaria do PSdeG. Por iso, incidiu na necesidade de poñer en marcha este observatorio de igualdade no sector pesqueiro e do mar porque “o que non se mide non se pode corrixir”. 

Nesta liña, Patricia Otero defendeu que, con este organismo, poderíase dispor de datos obxectivos que permitan tomar medidas para emendar estas eivas. “Queda moitísimo camiño por percorrer en determinados eidos profesionais nos que segue sen estar claro o concepto de feminismo como un movemento social que persegue a igualdade de ambos sexos e a súa equiparación en dereitos e obrigas”, concluíu.