Skip to main content
Comarca AMARIÑAXA

A muller protagonizou a xornada de onte na comarca Mariñá

Por 9 Marzo, 2022Marzo 10th, 2022Sin comentarios

Os concellos da Mariña celebraron no día de onte, 8 e marzo o día da muller. Foron moitas as prazas e rúas que se encheron de veciñas para conmemorar esta data.

Os diferentes concellos fixeron declaracións con motivo do 8M na que estiveron presentes os alcaldes e veciños, para apoiar ás mulleres neste día.

Ademais das concentracións nas principais rúas houbo e haberá coloquios, charlas, obras de de teatro ou chocolatadas, para conmemorar o Día Internacional da Muller.

Con estas actividades búscase sensibilizar a toda a cidadanía e visibilizar a figura das mulleres así como rexeitar a fenda de desigualdade laboral, salarial e dixital. “Hai que rachar ese teito de cristal, barreira invisible, que impide ás mulleres progresar laboralmente e acadar as mesmas posicións que os homes en postos de poder, soportando moitas veces a sobrecarga nos coidados da familia e a conciliación da vida laboral, alargando en demasía as xornadas de traballo, o que lles impide progresar nas súas carreiras profesionais”, dixeron dende os concellos.

En Viveiro inaugúrase o día 13 ás 19.00 horas o ciclo de conferencias Maruja Mallo. Viveiro e a vangarda do século XX, que se celebrarán no Teatro Pastor Díaz. E o luns 14 de marzo estará en marcha o obradoiro “Educando na boa sexualidade”, dirixido ao alumnado dos IES María Sarmiento e Vilar Ponte de Viveiro. A formación durará ata o mes de xuño.

En Burela rematarán a celebración con teatro da compañía De Ste Xeito que representará Feminíssimas na Casa da Cultura de Burela o 18 de marzo ás 21.00 horas.

En Foz concluirán os actos cun obra de teatro o día 17 na Sala Bahía ás 20:30 horas coa obra As que limpan de A Panadaría.

En Vegadeo estrearase un vídeo reportaxe de entrevistas a mulleres do Concello que será o venres, 11 de marzo, no auditorio Félix Menéndez da casa da cultura e nel participará tamén alumnado do IES Elisa y Luis Villamil.

O Concello de Xove celebrará o Día Internacional da Muller o domingo 13 de marzo cunha chocolatada á que convidad a todos os veciños. Esta será ás 17.30 horas no salón de actos do propio edificio municipal e será unha homenaxe as mulleres e os seus dereitos.