Skip to main content
Deportes AMARIÑAXARibadeoViveiro

O surf mariñao loce no proxecto de Calidade Surfing

Por 30 Marzo, 2022Sin comentarios

A Federación Galega de Surf bota a andar en Nigrán o NADE, Núcleo de Adestramento Deportivo Especializado, que conta con seis rapaces nos que se inclúen Martín Fernández González de Ribadeo e Lucía Martínez Bermúdez e Claudia Prieto Sapena ambas de Viveiro.

Os seus compañeiros son Manuel Fernández López da Coruña, Sebastián Baamonde Amenedo da Coruña e Iván Rodríguez Portas de Vigo, e todos estarán baixo os mandos do coordinador do proxecto, Coque Araújo e o técnico que os acompañará Juan Fernández.

Estos seis rapaces e rapazas de entre 14 e 18 anos que forman parte do proxecto ‘Calidade Surfing’  terán por obxetivo ocupar a residencia de tempo libre de Panxón -que agora mesmo se atopa ofrecida aos refuxiados ucraínos- para realizar as sesións técnicas, almacenar o material deportivo e aloxar os deportistas do proxecto.

O Núcleo de Adestramento Deportivo Especializado da Federación Galega de Surf foi aprobado pola resolución do 3 de decembro de 2021, da Secretaría Xeral para o Deporte e publicado no Diario Oficial de Galicia o pasado 20 decembro. A Xunta de Galicia achega un investimento de 30.000 euros para o NADE de surf.

Ademais, a federación galega ten solicitado ao Goberno galego material deportivo por importe de 10.000 euros para o NADE que será resolto proximamente na convocatoria de equipamentos deportivos, na que os NADE parten con 20 puntos de vantaxe.

No acto de presentación do Núcleo de Adestramento Deportivo Especializado ‘Calidade Surfing’ estiveron presentes o secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete Lasa; a delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández Tapias; o tenente alcalde de Nigrán, Rubén Rial; o xerente da Federación Española de Surf, Lourenço Chaves e o presidente da Federación Galega de Surf, Roman Diez.