Skip to main content
Burela

Arrinca en Burela a campaña Recicla e únete ao reto

Por 3 Marzo, 2022Sin comentarios

Arrinca en Burela a campaña Recicla e únete ao reto na que participa xunto a outros doce concellos galegos. O obxectivo é incrementar a reciclaxe dos envases lixeiros nun 10% desde agora e ata o vindeiro 31 maio. O pobo que o consiga recibirá un premio de 2.000 euros para doar a unha causa social. A concelleira de Medio Ambiente, Toñi Eijo, fai unha chamada á participación das veciñas e dos veciños de Burela neste reto. 

A edil burelesa explicou que “en Burela unímonos ao reto de Ecoembes e da Consellería de Medio Ambiente durante os meses de marzo, abril e maio. Queremos facer  unha chamada á veciñanza para que colabore con esta campaña  botando todos os seus envases lixeiros (latas, bricks e recipientes de plástico) no contedor amarelo. Si entre todos conseguimos incrementar nun 10% a reciclaxe destes residuos con respecto aos recollidos no mesmo período do ano pasado o Concello de Burela gañará un premio de 2.000 euros para doar a unha causa social do noso pobo”.

A campaña Recicla e únete ao reto arrinca estes días. “O 8 de marzo recibiremos a visita de dúas persoas que tomarán contacto co comercio e coa hostalería para conciencialos da necesidade de reciclar e para repartir e instalar vinilos coa imaxe da campaña nos escaparates e que así Burela se vaia vestindo coas cores deste reto. E o 24 deste mes estarán repartindo pulseiras de tea entre a veciñanza á que lle explicarán a importancia da reciclaxe no contedor amarelo para conseguir o reto”, seguiu a relatar Toñi Eijo. 

A concelleira de Medio Ambiente dixo que “no mes de abril instalarase un contedor xigante na Praza do Concello, montarase uns días antes da Semana Santa, e desmontarase despois desas datas. É importante que as nosas veciñas e veciños estean atentos ás informacións que iremos facilitando para, entre todos, reciclar e conseguir ese premio que doaremos a unha causa social de Burela”.