Skip to main content
Burela

Gloria da Corneta xa conta cunha rúa en Burela

Por 8 Marzo, 2022Sin comentarios

Cunha concentración e coa lectura dun manifesto tiveron lugar en Burela os actos para celebrar o Día Internacional da Muller. A burelesa Gloria González Niñe (Gloria do Corneta) xa conta cunha rúa na súa vila. Este mediodía descubriu unha placa con moita emoción e recibiu un ramo de flores. Xunto a ela estiveron o alcalde, Alfredo Llano, e as concelleiras de Igualdade, Servizos Sociais e Festexos, Noelia Mª Ben, Carmela López e Toñi Eijo, ademais de veciñas, veciños e familiares. 

Con este acto o Concello quixo recoñecer o amor que Gloria González Niñe lle profesa publicamente a Burela e así darlle as grazas por ser un referente na historia recente do municipio. 

A concelleira de Igualdade, Noelia Mª Ben, deu lectura ao manifesto conmemorativo no que houbo alusións á guerra “inxusta e innecesaria” en Ucraína: “desde o Concello de Burela queremos condenar de maneira explícita esta guerra e manifestar a nosa solidariedade co pobo ucraíno”. 

A edil burelesa dixo que “é necesario visibilizar e por en valor ás mulleres referentes para dotar de exemplos reais ás xeracións mais novas. Mulleres pioneiras, de todo tipo de disciplinas e sectores, que coas súas experiencias, a súa sabedoría e o seu talento poidan iluminar o camiño das mais novas” e seguiu a sinalar que “aínda que hoxe o reivindiquemos con maior énfase, verdadeiramente todos os días son 8 de marzo. Todos os días debemos respectar e valorar ao xénero feminino como merece. E por iso animamos a toda a cidadanía a seguir esforzándose, cada uno dos 365 días do anos, para que a igualdade entre mulleres e homes sexa real e efectiva, para que a sociedade sexa, en definitiva, mais xusta con todas e todos”.