Skip to main content
Burela

SÓS represéntase hoxe en Burela

Por 26 Marzo, 2022Abril 11th, 2022Sin comentarios

Dentro da Programación Cultural do Concello de Burela, a Cía. Malasombra Producións representa hoxe, ás 20.30 horas SÓS, na casa da cultura.

A compañía fundouse no ano 2006 polo actor Xoque Carbajal. Hoxe, despois dunha década, afianzado o proxecto empresarial que non só xera cultura e ilusión, senón tamén postos de traballo, converténdose nunha das compañías con maís distribución en Galicia.

Malasombra defende a comedia, pero faino como un medio de comunicación co público e non só  como un fin. O humor permite relaxar os sentidos e axuda a que as mensaxes cheguen ao receptor sen que este teña as defensas pechadas. É o mellor vehículo para transportar as historias, incluso as máis duras.

SÓS, é unha reflexión, por veces cómica e por veces máis dramática, sobre a vellez, sobre a convivencia, e sobre a soidade que  sofren moitas persoas maiores nos seus últimos anos de vida.

SÓS conta a historia de Fermín e Marcelino, dous homes octoxenarios que se ven obrigados polas  circunstancias a compartir piso.

Os dous anciáns non se coñecen previamente, os dous teñen un carácter totalmente diferente, levaron vidas diferentes e teñen costumes e hábitos absolutamente diferentes, polo que a súa convivencia non vai ser fácil , aínda que non lles vai quedar máis remedio que aprender a tolerarse, porque a pesar de que hai moitas cousas que os separan, teñen algo moi importante que os une: os dous están sos e necesítanse mutuamente para saír adiante.

Fermín e Marcelino representan dous modelos de vida distintos , case opostos , que facilmente podemos recoñecer no noso entorno.

Marcelino representa ao home máis tradicional, dos que tiveron un só traballo durante toda a vida, e unha muller tamén para toda a vida.

Fermín, pola contra, representa un home máis de mundo. Emigrou ao estranxeiro, nunca se casou e  a súa vida nunca tivo estabilidade, en contraste coa vida de Marcelino, no que a estabilidade foi o seu ben máis abundante.

Todos coñecemos a algún  Marcelino e a algún Fermín. Dúas maneiras de ser e de vivir que chocan nun mesmo apartamento compartido. Dúas personalidades opostas, pero cunha necesidade en común: a necesidade humana de sentirse acompañado.