Skip to main content
Foz

O Concello de Foz presentou alegacións ao proxecto da A-74

Por 9 Marzo, 2022Sin comentarios

O Concello de Foz presentou, dentro do prazo legal establecido, alegacións ao Proxecto Autovía A-74, de A Mariña. Tramo: Burela-Foz. O documento está a disposición de todas as veciñas e veciños no portal de transparencia do Concello, url: https://concellodefoz.sedelectronica.es/transparency/ac62c8fd-b1af-4a5b-b8db-9cd60afefb1b/

O alcalde, Fran Cajoto, explica que “o Concello de Foz continúa a facer os deberes. O 11 de febreiro mantiñamos unha xuntanza de traballo coa subdelegada do Goberno Isabel Rodríguez; o xefe da Demarcación de Carreteras del Estado en Galicia, Ángel González del Río; a xefa de unidade Beatriz González del Riego e outros técnicos. Co traballo saído desta xuntanza e un detallado estudo do documento feito desde o Concello sae este documento de alegacións”.

O rexedor municipal destaca que “a autovía é un proxecto moi importante, crucial, para Foz e para toda a comarca. A nivel local dispoñer dunha autovía vai servir para potenciar o parque empresarial e que máis persoas nos veñan visitar, ademais da redución de tráfico en travesías tan perigosas como son as de Fazouro, Nois e Cangas. Estamos a falar dunha estrada nacional que ten unha intensidade de tráfico máis elevada que a autovía A-8 (máis de 10.000 vehículos ao día, chegando a 15.000 en verán) e con vivendas ao seu carón. Esperamos que se aceleren todos os trámites e que a Xunta de Galicia poña en marcha tamén a variante de Viveiro, que aínda non ten proxecto: a Mariña precisa de autovía”. 

O alcalde pon en valor a autovía, pero “un proxecto de tal envergadura contén erros ou omisións que son importantes para o Concello. Presentamos alegacións co único obxecto de mellorar o proxecto, queremos que a autovía se faga ben e rápido. Na planimetría dos enlaces de Cangas e de Foz -este último en Fazouro, próximo a Pardiñas- non se tiveron en conta as persoas que se desprazan a pé ou en bicicleta: queremos que os enlaces non supoñan un obstáculo, que haxa permeabilidade. Por iso plantexamos no documento de alegacións solucións para dotar aos enlaces de sendas e pasos a distinto nivel, de forma que as vivendas de Cangas non queden illadas pola autovía ou que calquera veciño poda achegarse a traballar a pé ao parque empresarial de Foz con seguridade. Outras alegacións consisten na mellora do enlace de Foz, plantexando un acceso directo á zona urbanizable que está pendente de desenvolvemento, e un carril adicional de acceso á autovía para mellorar a capacidade do enlace”. 

Fran Cajoto engade que “o proxecto ten un impacto evidente sobre as infraestruturas existentes. Plantexáronse modificacións para a mellora na reposición da estrada LU-P-2007, que une Nois con Cordido, hai alegacións sobre a reposición de varios camiños que consideramos deben ser subsanadas, pedimos un estudo sobre o impacto e o posible cambio de tipoloxía dunha obra de drenaxe na parroquia de Fazouro e o estudo de diversas afeccións sobre a rede de abastecemento municipal. Agora era o momento, para que no documento definitivo e no Proxecto Construtivo haxa o menor número de erros posibles e por tanto a infraestrutura se constrúa coa menor das afeccións”.