Skip to main content
Foz

6 ofertas para executar as obras dos colectores e da nova depuradora de Foz

Por 5 Marzo, 2022Maio 20th, 2022Sin comentarios

A Xunta recibiu 6 ofertas de empresas para executar as obras dos colectores e da nova depuradora de Foz, que permitirá triplicar a poboación servida e multiplicará por 9 a capacidade de tratamento actual, tras un investimento autonómico de 12,3 millóns de euros.

As actuacións buscan atallar as deficiencias no funcionamento do sistema de saneamento que non ten a capacidade necesaria para acadar os obxectivos de vertido de calidade na auga tratada, principalmente no verán, cando a chegada de turistas incrementa a poboación.

A previsión é adxudicar o contrato a mediados de 2022 e iniciar as obras a finais de ano. O prazo de execución é de 33 meses: os 3 primeiros para redactar o proxecto construtivo; 18 para a execución das obras; e 12 para a posta en marcha da nova depuradora.

A intervención supón a construción dunha nova depuradora de augas residuais e dun tanque de tormentas, ademais de ampliar os bombeos e os colectores. Estes traballos enmárcanse na liña de apoio técnico e económico que a Xunta vén prestando aos concellos nas súas responsabilidades municipais de saneamento, abastecemento e depuración.

A nova depuradora situarase nun novo emprazamento, en Caldouceiro, terá un caudal máximo de 700 m³/hora e capacidade para atender 22.342 habitantes: con 2 liñas de desbaste, desareado-desengrasado, tratamento biolóxico por ultravioleta e liña de lodos.

O bombeo de cabeceira realizarase na avenida de Viveiro, onde chega o colector por gravidade que conduce as augas residuais desde o tanque de tormentas e o bombeo de Llas. A impulsión chegará ao punto alto, polo que non son necesarios bombeos intermedios.

Construirase tamén un novo tanque de tormentas, situado no punto baixo da conca principal, ao lado da actual depuradora. Será esta unha infraestrutura con capacidade de 1.000 m³, dotada de 3 bombas centrífugas somerxibles, medición de caudal, funcionamento autónomo con envío de datos. Ademais ampliarase o caudal e a capacidade dos bombeos de Llas 1 e Llas 2, dotándoos de medición de caudal, sistema de alarmas e funcionamento autónomo, tamén con envío de datos e asignación de consignas desde a depuradora.

Executaranse 4 novas impulsións: desde o tanque de tormentas, desde os bombeos de Llas 1 e Llas 2 e desde a avenida de Viveiro; e colectores por gravidade na avenida de Viveiro, de Llas 1 a Llas 2 e da depuradora ao medio receptor.

Unha vez rematada a construción da nova depuradora e constatado o seu bo funcionamento, procederase á demolición da depuradora actual.

Estas actuacións son cofinanciadas con fondos europeos FEDER, no marco do programa operativo 2014-2020.

Apoio ao Concello

A Xunta está a dar os pasos necesarios para mellorar o sistema de saneamento de Foz, financiando integramente a actuación e apoiando ao Concello nas súas responsabilidades co fin de ofrecer servizos de calidade aos veciños.

A Xunta leva moito tempo axudando ao Concello para a tramitación desta concesión de Costas, pola que houbo que agardar 36 meses para poder licitar este contrato de proxecto.

O Executivo autonómico continúa traballando na mellora da calidade das augas das rías, tendo en conta a incidencia que isto supón para a saúde, para o medio e para actividades como a pesca ou o marisqueo.