Skip to main content
Mondoñedo

O BNG de Mondoñedo pídelle ao Concello que defenda o Castro da Trinidade

Por 2 Marzo, 2022Sin comentarios

O castro da Trinidade está situado entre os concellos de Mondoñedo e Lourenzá, no cumio dun monte rodeado por unha canteira que o está a comer. Só se conserva o cumio do monte. Non se sabe o tamaño do castro nin a súa forma. Foi catalogado en 1995.

Ante a sentenza ditada polo xulgado do contencioso-administrativo nº1 de Lugo na cal se condena ao Concello a realizar todo o necesario para excluír do catálogo de elementos culturais do PXOM de Mondoñedo o Castro da Trinidade, o BNG no Pleno celebrado o pasado venres pediulle ao goberno municipal que interpoña recurso de apelación contra a resolución da sentenza e defenda o patrimonio arqueolóxico local fronte a empresa mineira que opera no lugar.

O voceiro do BNG no Concello mindoniense, Eloi Cabanas, apunta que “Canteras Santa Cecilia S.L no ano 2020 interpuxo contencioso-administrativo fronte ao concello de Mondoñedo na que pedía a exclusión do castro do catálogo de bens culturais do PXOM”.

A sentenza dálle a razón á demandante e o Concello ten agora de prazo ata o 11 de marzo para interpoñer recurso de apelación.

Elena Candia, en resposta a pregunta do concelleiro do BNG na que se interesaba polos pasos que ía dar agora o Concello ante esta situación contestou que “aínda non o sabía pero farían o que lles marcara os servizos xurídicos da Deputación”.

Cabanas pediulle ao Concello que “esgote todos os mecanismos de acción posibles antes de dar por perdido o Castro e no caso de que finalmente se demostrara que xa non hai nada que conservar no lugar, se investigue e se pidan responsabilidades aos encargados de velar pola preservación deste Ben Cultural que pese a estar incluído no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos desde 1991 e catalogado (B.O.P) desde 1995 non recibiu a protección que lle correspondía”.

XIMNASIO MUNICIPAL

Despois de acumularse varios meses retraso no remate das obras do ximnasio municipal e logo da resolución do contrato coa empresa adxudicataria da obra, o BNG pediu explicacións e  preguntou polos problemas que motivaron o incumprimento das previsións iniciais do goberno para a posta en funcionamento das novas instalacións.

Segundo o Concello producíronse reiterados incumprimentos no prazo de execución da obra por parte da empresa e ademais, esta non se adaptou ao proxecto técnico inicial. A empresa solicitou varios modificados co cal houbo que solicitar tamén dúas prórrogas á Secretaría Xeral para o Deporte que é quen subvenciona a obra. As citadas prórrogas non foron suficientes e como non se puido conceder unha terceira, o concello perdeu a subvención e agora ten que rematar os traballos pendentes con fondos municipais.

Cabanas trasladoulle ao Goberno o malestar xeral dos socios do ximnasio pola demora dos prazos e máis pola precariedade das alternativas ofrecidas polo concello durante todos estes meses. 

“O ximnasio tiña que que estar posto en servizo a mediados de novembro e por culpa de tanto retraso xa se están dando casos de usuarios que se están marchando para as instalacións deportivas do veciño concello de Lourenzá”.

SOTERRAMENTO DUNLA LIÑA DE ALTA TENSIÓN

O BNG formulou un rogo para que o Goberno realice os trámites oportunos para que o proxecto Incremento dun circuíto de L.A.T. 132 kV. Mondoñedo-Meira entre o apoio 22 e a subestación de Meira, se modifique por non ter en conta no deseño do proxecto o trazado do Camiño Norte. A L.A.T. cruza o camiño nas proximidades do Barrio do Vilar así que propón o soterramento da liña na zona de protección do entorno para minimizar o impacto visual e paisaxístico que produce.