Skip to main content
Comarca AMARIÑAXACultura AMARIÑAXAMondoñedoTrabada

Xulia Marqués, escritora de Trabada: “Case sempre detrás dos traballos toponímicos agóchase algunha razón sentimental”

Por 7 Marzo, 2022Decembro 18th, 2023Sin comentarios
Por Ana Somoza López.

Xulia Marqués Valea, doutora en Filoloxía Galega e licenciada en Románica e recentemente nomeada catedrática, é toda unha experta en nomes.

Trabada é o seu lugar natal, que representa para vostede?

Si, nacín no lugar de Pacios na parroquia da Ría de Abres, no concello de Trabada. E para min representa o apego, a casa e os meus, a nenez, o rural vivenciado;  no fin de contas, as raíces.

Publicou algún outro libro na colección Terra Nomeada?

Si, a Real Academia Galega convidoume a participar escribindo nesta colección divulgativa e empecei por Trabada, empuxada polas razóns sentimentais que antes apuntei e tamén polo coñecemento que tiña da súa toponimia ao ser obxecto de investigación na niña tese de doutoramento e base tamén doutros libros meus como Enredando nos topónimos con Rodari ou a Guía para a recollida, catalogación e estudo dos nomes tradicionais de lugar.

En que se centra este libro?

En Toponimia da Pontenova estudo a toponimia maior deste concello. En 116 entradas, correspondentes aos nomes das 11 parroquias que o compoñen e os 102 lugares incluídos na próxima edición actualizada do Nomenclátor, fago un repaso pola orixe e a motivación de cada topónimo. Completo este repertorio correspondente aos nomes de entidades de poboación con tres entradas máis: Eo (nome do río), O Pousadoiro (serra), Miranda (antiga xurisdición, hidrónimo e punto de asentamento dos Miranda).

En que consistiu o traballo que realizou?

É un traballo de investigación concibido a modo de dicionario toponímico en que cada entrada corresponde a un nome de lugar que aparece acompañado duns datos precisos en que se identifica, localiza, se fai un breve comentario etimolóxico, se fala da motivación semántica, en que ademais se incorporan atestacións documentais antigas, se corrobora a presenza da forma estudada na toponimia de Galicia tomando como referencia o Nomenclátor de Galicia, as denominación locais alternativas, se as houber, e outros topónimos emparentados no concello.

Canto tempo necesitou para escribilo?

A escrita dos libros eu nunca a mido en tempo pero foron anos. No meu caso sempre o fixen e o fago despois de saír do meu traballo, porque son primeiro profesora e no tempo que me queda libre, aproveito para escribir.

Moitas horas de investigación, como foi ese traballo, é dicir, na biblioteca, falando cos veciños…?

Si, detrás hai moitas lecturas, consulta en arquivos, revisión de cartografía antiga, catastro e logo hai visitas ás distintas parroquias, falar cos informantes, charlas coa xente maior… É unha suma de traballo de gabinete e de campo.

Por que elixiu a toponimia da Pontenova?

Por varios motivos, porque é un concello que me é moi familiar posto que o veño frecuentando desde tres ou catro décadas. Casei alí, temos casa e familia residindo nel, anteriormente un tío-avó meu fora cura de Vilaboa, e con miña bisavoa viviron nesta parroquia a última parte da súa vida. Case sempre detrás dos traballos toponímicos agóchase algunha razón sentimental.

Está preparando algún outro libro?

Si, ando a voltas non con un senón con dous, un estaría centrado na toponimia maior do concello coruñés de Vedra, onde dou clase, que sería semellante ao de Trabada e ao da Pontenova, e un segundo que estará centrado na didáctica e o patrimonio. Pero ambos os dous proxectos están nunha fase inicial.

Que destaca da vida dun escritor?

A min a palabra escritor/a méteme bastante respecto e eu non me considero tal. Teño publicados oito libros pero son traballos de investigación e recursos didácticos. Se tivese que poñer unha etiqueta ao meu labor diría que son unha persoa investigadora que publica e unha profesora que pon á disposición do alumnado uns materiais de traballo.

Que libro está lendo agora mesmo?

Estou lendo varios, coma sempre, e teñen que ver máis co ámbito da docencia da materia que imparto ca co ámbito toponímico. Son: E o sol era Ela ,Venecia abandonada, O outro lado da música, Virtudes (e misterios), ademais de Castelao. Construtor da nación.