Skip to main content
Mondoñedo

Mondoñedo organiza actividades para evitar o consumo de alcol e drogas na mocidade

Por 26 Marzo, 2022Sin comentarios

O Concello de Mondoñedo vén de estrear un novo programa de sensibilización e prevención do consumo de drogas, da man da Asociación Saúde Mental A Mariña. “Queremos apostar por unha saúde integral e pola prevención do consumo de drogas entre os máis xoves”, destacan dende o goberno local.

Dita asociación, é referente na comarca por ser especialista na atención de persoas con enfermidade mental crónica.  E dada a súa especialización, Sonia Nogueiras Orosa (psicóloga clínica e directora do CRPL de Burela), así como María José Novoa (directora técnica xeral/xerente da entidade, e referente galega) crearon e deseñaron este proxecto pioneiro para Mondoñedo: Non consumas a túa mente: coida a túa saúde.

Os obxectivos da iniciativa son por un lado, achegar á poboación máis nova as enfermidades mentais e facelo dende unha óptica obxectiva e fundamentada, promovendo a sensibilización e eliminación dos prexuizos asociados ás mesmas;  e, polo outro,  pretende abordar un factor de risco claro na aparición das enfermidades mentais: o consumo de tóxicos.

Así, abordaranse os efectos do alcohol, cannabis, cocaína e heroína na saúde en xeral e na saúde mental en particular, facendo especial fincapé no papel activo de cada persoa á hora de eliminar este factor de risco.

O 23 de marzo tivo lugar a primeira presentación do programa, no IES Plurilingüe San Rosendo, á que asistiu xunto con Sonia Nogueiras Orosa, a concelleira de Benestar e Facenda, Ángeles Rodríguez Rico.

O programa irá dirixido a todo o alumnado de ESO do IES San Rosendo durante o mes de marzo e abril.

Outras actividades

Outras actividades que se está a programar dende o Concello de Mondoñedo en colaboración co Instituto San Rosendo son a realización de  reunións co alumnado para coñecer as súas opinións, ideas, suxestións de cara a por en marcha actividades alternativas de ocio saudable, unidas a visitas e saídas pola vila nas zonas onde se realizan botellóns e/ou outras actividades insalubres co obxectivo de sensibilizar e concienciar á xuventude na necesidade do coidado do entorno e levar unha vida con hábitos recomendables.