Skip to main content
Mondoñedo

O Concello destina parte do remanente a incentivar o asentamento de actividade económica en Mondoñedo

Por 30 Marzo, 2022Sin comentarios

O Concello de Mondoñedo aprobou por unanimidade a incorporación de créditos extraordinarios financiados con remanentes líquidos de tesourería para habilitar unha liña de axudas para o asentamento de actividades económicas no municipio. 

Trala dotación desta partida orzamentaria, o Concello publicará posteriormente as bases das axudas para a compra de solo industrial no polígono industrial de Mondoñedo, como xa puxera en marcha noutras dúas ocasións.

“É prioritaria a captación de novas iniciativas empresariais que aproveiten os recursos propios do municipio para o seu desenvolvemento; así coma o fomento da consolidación das actividades existentes”, manifestan dende o goberno local.

UN MUNICIPIO PARA INVESTIR

Esta actuación da continuidade ás iniciativas do Concello recollidas na segunda fase do plan estratéxico ‘Mondoñedo, un municipio para invertir’. Este documento recolle o compromiso do Concello para o fomento do emprendemento e a innovación co obxectivo de “atraer e fixar poboación”.

O goberno local destaca “o potencial que supoñen os recursos propios do noso municipio” que, xunto a outros factores, fan de Mondoñedo un lugar investir e  fomentar a actividade empresarial: “a dispoñibilidade de recursos naturais, o sector forestal, a forte tradición cultural e turística ou o seu patrimonio histórico-artístico”. Ademais, Mondoñedo atópase nun entorno excepcional e dispón dunha boa conectividade. 

De cara ao asentamento de actividade empresarial, o plan ‘Mondoñedo, un municipio para invertir. Fase II’ recolle a dispoñibilidade de solo industrial e de inmobles a prezos asequibles que o Concello recolle nun listado. Mondoñedo conta tamén cun viveiro de empresas e apunta tamén a declaración da Área Rexurbe como “unha importante oportunidade para promover inversións”.