Skip to main content
Ribadeo

Ribadeo creará unha rede de voluntariado para a integración de refuxiados ucranianos

Por 7 Marzo, 2022Sin comentarios

O Concello de Ribadeo remitiu unha carta á Xunta de Galicia na que o Concello se compromete a crear unha rede de voluntariado entre as familias ribadenses que quixeran de xeito solidario e altruísta manter contacto e ir integrando na sociedade aos posibles refuxiados de Ucraína que puidesen chegar ata aquí. O rexedor ofrece a colaboración do Concello de Ribadeo á Xunta de Galicia e proponlle que inclúa entre as infraestruturas para acoller a esas persoas o Campamento Xuvenil da Devesa, xa que está nunhas óptimas condicións para acollelas con comodidade durante un tempo indeterminado.

O alcalde ribadense sinalou que “a verdade é que vemos que nestes momentos está sendo todo un pouco confuso sobre o mellor xeito de poder axudar e de aí que lle acabamos de comunicar ao presidente da Xunta o noso compromiso de poñer da nosa parte todo canto poidamos facer. Vemos que no tocante a Ribadeo xa ofreceron o centro de Pedro Murias, pero botamos de menos que non ofrezan o albergue da Devesa, porque estas instalacións de titularidade autonómica están nunhas óptimas condicións para acoller varias ducias de persoas con comodidade e por un tempo indeterminado”.

Fernando Suárez manifestou que “con todo, debemos pensar que con acoller a cidadáns doutras nacionalidades en lugares comunitarios como estes non resolvería o problema, dado que habería que ir socializando e habería que ir integrándoos na sociedade durante o tempo que poidan estaren aquí. Para iso, desde o Concello de Ribadeo comprometémonos a crear unha rede de voluntariado entre as familias ”. 

O rexedor engadiu que “estamos convencidos que se facemos un chamamento serio e coordinado a través dos nosos servizos sociais a toda a cidadanía de Ribadeo para acollemento directo ou para integración paulatina destas persoas habemos, sen dúbida, ter unha resposta positiva e rápida. Así pois ofrecemos facer todo isto coa necesaria coordinación coa Xunta, coa Deputación e co goberno do Estado. Estamos seguros de que poderemos ser un exemplo de recepción, de coidado e de integración destas persoas que acaban de ter que fuxir dos seus fogares, dos seus pobos e das súas cidades por mor dunha agresiva invasión militar”.