Skip to main content
Viveiro

O BNG demanda un novo xulgado de primeira instancia en Viveiro

Por 27 Marzo, 2022Sin comentarios

O BNG presentará unha nova moción no Pleno de Viveiro, na que insta ao Concello para que relice as xestións e propostas oportunas a nivel institucional ante o Goberno de España para dotar con urxencia ao partido xudicial de Viveiro dun novo xulgado de primeira instancia e instrución. Así mesmo demanda que debido á carga de traballo que soporta o partido de Viveiro poda tratarse sobre a creación futura de novas unidades xudiciais.

A sección civil dos xulgados viveirenses asumiron no ano 2021 un 70% máis de asuntos da súa capacidade total, segundo a estatística da carga de traballo por localidades que recolle o Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX). Esta nova avalancha de expedientes únese á enorme cantidade de asuntos que se foron acumulando durante estes últimos dez anos, o que provoca que o traballo que na actualidade soportan os dous xulgados de Viveiro sexa inabarcable. As táboas porcentuais en relación aos módulos aprobados polo Consello Xeral do Poder Xudicial e o Ministerio de Xustiza na xurisdición civil así o acreditan, onde se constata que os asuntos ingresados durante o ano pasado superan nun 69,26% o indicador máximo establecido polas máis altas institucións españolas neste eido, un dato que, fóra de conxelarse ou reducirse, continúa a medrar en cada anualidade”, explican.

Na sección penal, o índice de entrada de asuntos atópase dentro dos módulos de referencia sinalados polo propio Poder Xudicial (un 30,90% por debaixo do nivel máximo), o que denota unha carga de traballo elevada pero asumible cos recursos dos que se dispoñen. Aínda así, a diferenza xeral que se establece para órganos xudiciais mixtos coma os de Viveiro (diferenza entre asuntos civís e asuntos penais), fixa nun 138,36% o traballo que asumen os dous órganos do partido xudicial viveirense, o que o sitúa como a sede con máis carga de traballo de toda Galiza.

“As diferentes inspeccións ordinarias e extraordinarias tanto do Consello Xeral do Poder Xudicial coma do Tribunal Superior de Xustiza que se levaron a cabo durante os últimos tempos, fixeron fincapé unha e outra vez na preocupante progresión de entrada de asuntos que ano tras ano fai aumentar a pendencia e a acumulación de procesos no eido civil. Así e todo, o día 7 de xullo de 2020 o Goberno de España aprobou por Acordo do Consello de Ministros un Plan de Actuación polo que se adoptaban medidas urxentes e complementarias no ámbito social e económico para facer fronte á Covid-19. Nese Plan de Actuación recollíanse medidas concretas a aplicar na Administración de xustiza galega, como o reforzo dos xulgados do eido social e mercantil, e a creación de tres novos órganos xudiciais nas cidades da Coruña, Lugo e Vigo”, engaden.

“As Administracións continúan sen involucrarse o suficiente para poñer enriba da mesa unha solución definitiva. De feito, o traballo que hoxe en día entra a diario nos Xulgados de Viveiro é tanto, que está a provocar o adiamento de xuízos e un inmenso retraso na tramitación dos expedientes. É de xustiza a creación do terceiro xulgado de Viveiro, porque con datos máis optimistas que os deste partido xudicial tense aprobado a creación de outros órganos das mesmas características en provincias como Madrid, Asturias, Cádiz ou Ciudad Real nos últimos tempos, “afirman.