Skip to main content
Axenda Caducada

Foz conmemora o 8M cunha concentración e dúas representacións teatrais

Por 5 Marzo, 2022Marzo 17th, 2022Sin comentarios

O Concello de Foz conmemora o Día da Muller cunha concentración, o 8 de marzo, e dúas representacións teatrais, que serán os días 9 e 17 deste mes. Tamén haberá unha exposición con photocall de debuxos denunciando o maltrato cara as mulleres, realizados por alumnado do IES de Foz.

O martes 8 de marzo, Día da Muller, de 10:00 a 13:30 horas haberá puntos de información e realización de actividades de sensibilización e igualdade na praza do Concello e na Conde de Fontao, na Glorieta de Vilalba e no parque Martínez Otero. E ás 19:00 horas na Praza do Concello terá lugar a concentración con lectura dun manifesto e de textos de autoras galegas por parte do alumnado do IES de Foz ademais da solta de globos lilas.

E as representacións teatrais dos días 9 e 17 deste mes serán na Sala Bahía ás 20:30 horas. O mércores 9 a compañía Apatacón ofrecerá a obra Por unha peseta e o xoves 17 A Panadaría escenificará As que limpan.

A concelleira de Muller e Igualdade anunciou: “aproximándose a data do Día Internacional da Muller, conmemoramos este 8M cun programa de actividades e contido temático dedicado ás mulleres, aproveitando para sensibilizar, impulsa e insistir nas reivindicacións pola igualdade entre mulleres e homes dado que as mulleres seguen sendo discriminadas en moitos ámbitos da súa vida. Tanto o Concello coma o pobo de Foz rexeitamos esa fenda de desigualdade laboral, salarial e dixital. Hai que rachar ese teito de cristal, barreira invisible, que impide ás mulleres progresar laboralmente e acadar as mesmas posicións que os homes en postos de poder, soportando moitas veces a sobrecarga nos coidados da familia e a conciliación da vida laboral, alargando en demasía as xornadas de traballo, o que lles impide progresar nas súas carreiras profesionais”.

Ana Rojo engade que “por todo isto o Concello de Foz, a través da Delegación de Muller e Igualdade, conmemora o día 8 de marzo, na defensa e apoio dos dereitos da muller, cun programa con temática dedicada ás mulleres, sensibilizando e promovendo a igualdade de xénero, de trato e de respecto entre mulleres e homes”.