Skip to main content
Axenda Caducada

Vilalba presenta o 8 de marzo un vídeo que recolle o traballo de 8 mulleres

Por 6 Marzo, 2022Marzo 8th, 2022Sin comentarios

Con motivo do Día Internacional da Muller, o próximo 8 de marzo, o Concello de Vilalba presentará un breve documental para dar visibilidade ao traballo das mulleres do municipio. A peza audiovisual será proxectada o mesmo martes, 8 de marzo, na Casa da Cultura ás 17:00.

Baixo o título, Todas facemos Vilalba – Tecelás pola igualdade, o vídeo busca amosar as realidades de oito mulleres de distintos sectores, profesións e xeracións que desenvolven a súa vida en Vilalba.

Deste modo, este vídeo convida a unha conversa aberta sobre a igualdade entre os sexos, vista dende diferentes ópticas, idades e culturas.

As protagonistas son 8 mulleres que viven en Vilalba, con ocupacións e historias persoais completamente distintas. Están incluídas neste documental moitas realidades, dende mulleres que migraron a Vilalba doutros países, mulleres que viven e traballan no rural, outras que desenvolven a súa profesión en sectores masculinizados, e tamén persoas con diversidade funcional. As diferentes franxas de idade tamén se contemplan, ademais de recollerse o traballo fóra e dentro do fogar.

O Concello de Vilalba anima á cidadanía a achegarse á proxección deste vídeo, a través do que coñecer a historias das mulleres do municipio, reivindicando máis que nunca a súa importancia.