Skip to main content
Axenda Caducada

María Xosé Lamas presenta o seu libro ‘Un corvo en Caldaloba’

Por 12 Marzo, 2022Marzo 18th, 2022Sin comentarios

O venres 18 de marzo de 2022, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba, terá lugar a presentación do libro de María Xosé Lamas Un corvo en Caldaloba, nun acto organizado polo Iescha, coa colaboración do Concello de Vilalba.

Intervirán no mesmo Marisa Barreiro, presidenta do Iescha; Antón de Guizán, autor do prólogo do libro; Sofía Naseiro, autora das ilustracións e da cuberta do mesmo, e a autora do libro, Mª Xosé Lamas.

Esta publicación, editada polo Iescha, coa colaboración do Concello de Vilalba, fai o número 29 da Colección Biblioteca Chairega.

Nunha parte do prólogo, o autor do mesmo, Antón de Guizán escribe sobre o libro de María Xosé Lamas:

“… UN CORVO EN CALDALOBA, ademais de ser unha excelente obra teatral, é un traballo reivindicativo para reclamo sobre a nosa historia e a situación de abandono deliberado dun símbolo da resistencia deste país que, ao mesmo tempo que educa, informa e divirte, devolve ao teatro á súa función social crítica con espírito libre e mesmo de combate cultural.

María, cal Constanza de Caldaloba, fixo desta encomenda unha ferramenta para a defensa da fortaleza de San Martiño de Pino co fin de rexeitar dende o espazo da cultura, o asociacionismo e o teatro, as agresións institucionais contra os nosos símbolos e o noso patrimonio materializadas no abandono secular. E se o traballo en si mesmo xa ten un indubidábel valor, o feito de ser parte dunhas iniciativas colectivas e de ver a luz a través da destacada labor editorial do Instituto de Estudos Chairegos IECHA, que publica así a súa primeira obra teatral, confire a UN CORVO EN CALDALOBA unha relevancia histórica.

Constanza, daquela, loitou contra a súa destrución. María Xosé Lamas, agora, loita por erguela (…)”.

Entrada libre ata completar aforo, respetándose en todo caso as medidas sanitarias establecidas nese momento por mor da pandemia.