Skip to main content
Axenda Caducada

O CB Breogán visibilizará o labor de Auxilia Lugo no encontro co Obradoiro

Por 24 Marzo, 2022Marzo 26th, 2022Sin comentarios

O CB Breogán dedicará o encontro do vindeiro sábado no Pazo dos Deportes (Río Breogán-Obradoiro, 18.00 horas) a visibilizar a labor de Auxilia Lugo, que leva 50 anos desenvolvendo iniciativas para a normalización da vida das persoas con discapacidade física e a supresión de barreiras arquitectónicas.

A iniciativa, enmarcada no acordo de patrocinio entre o club e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo, presentouse no Pazo de San Marcos nun acto no que participaron o deputado de Deportes, Efrén Castro, o responsable da área social do Breogán, Salva Arco, a delegada de Auxilia, Nuria Neira, e vogal de accesibilidade da entidade, Aquilino González.

No marco desta colaboración, o CB Breogán empregará os seus perfís en redes sociais para incidir na sensibilización e concienciación social sobre a necesidade de seguir avanzando na plena inclusión en todos os ámbitos.

Na súa intervención no acto, Aquilino González, lembrou o traballo desenvolvido por Auxilia nas últimas décadas, desde os inicios nos anos setenta cando apenas existía movemento asociativo neste ámbito e a prioridade “era facer visible a discapacidade que as mesmas familias ocultaban dentro das casas”, pasando polo traballo coas administracións para impulsar as barreiras arquitectónicas en rúas e edificios públicos, ata a actualidade na que están a incidir na accesibilidade ao patrimonio, un ámbito no que traballan man a man coa Rede Museística Provincial.

Efrén Castro e Salva Arco coincidiron en sinalar que a expectación que xera o partido do sábado, o derbi galego contra o Obradoiro, garante a repercusión destas iniciativas de difusión que, explicaron, “supoñen un recoñecemento aos cincuenta anos de traballo de Auxilia”

A iniciativa desenvólvese no marco do acordo de patrocinio co que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo apoia ao CB Breogán e que inclúe, entre outras accións, a participación do club en iniciativas de sensibilización e visibilización realizadas por entidades sociais, no fomento do deporte e dos hábitos saudables con visitas a centros educativos ou na posta en valor de recursos e espazos culturais, patrimoniais e ambientais.